Irán ataca Israel en vinganza pola morte de Larijani
Os ataques contra Tel Aviv causaron dúas vítimaas mortais
Un barrio céntrico de Beirut tras bombardeos israelís (REUTERS/Mohamed Azakir)
Irán respondeu este mércores á morte de Ali Larijani, secretario do Consello de Seguridade Nacional e home clave no réxime, con novas andanas de ataques contra Tel Aviv que por agora provocaron as primeiras dúas mortes en Israel desde o pasado 9 de marzo.
Os equipos de Bombeiros de Israel interviñeron a madrugada deste mércores en 34 incidentes, oito deles graves, segundo un comunicado que detalla a morte de dúas persoas, vivendas con impactos e incendios xa controlados.
Con estas mortes neste municipio de Tel Aviv, xa son 14 as persoas falecidas en Israel desde que este país bombardease Irán o pasado 28 de febreiro.
Tanto Hezbollah como Irán lanzaron hoxe polo menos catro andanas de proxectís, coa última pouco antes das oito da mañá hora local, o que obrigou centos de miles de persoas a acudir unha vez máis aos refuxios públicos a modo de protección.
A Garda Revolucionaria iraniana confirmou o ataque con mísiles contra Tel Aviv en represalia polo asasinato de Ali Lariyani.
Pola súa banda, polo menos dez persoas morreron hoxe e outras 27 resultaron feridas en dous bombardeos contra edificios en Beirut, o que eleva a sete o número de ataques dentro da capital desde o inicio das hostilidades hai máis de dúas semanas.
Neste país, os falecidos superan os 900, entre eles 111 nenos, rexistráronse 2.221 feridos e máis dun millón de persoas tiveron que abandonar os seus fogares de forma forzosa pola guerra.
Irán confirma a morte de Larijani
Teherán confirmou a morte de Larijani, considerado man dereita do falecido líder supremo de Irán Ali Khamenei, matado ao comezo da ofensiva o 28 de febreiro, mediante unha mensaxe na súa conta de X, canda unha foto súa, que o describe como un mártir.
No ataque que acabou coa vida de Larijani morreron tamén o seu fillo, un dos seus adxuntos e varios gardacostas, confirmou o propio Consello de Seguridade Nacional, citado pola axencia de noticias Mizan.
A Garda Revolucionaria iraniana tamén corroborou a morte de Gholamreza Soleimani, comandante da milicia paramilitar Basij (encargada da represión cidadá e vinculada á Garda), nun bombardeo israelí.
Horas antes, Israel xa anunciara a morte destes dous líderes iranianos en ataques precisos da súa forza aérea.
Promesa de vinganza
O presidente iraniano Masud Pezeshkian afirmou que non cabe dúbida de que unha severa vinganza agarda os terroristas criminais que provocaron a morte de Larijani.
O xefe do exército iraniano Amir Hatami advertiu despois de que Teherán prepara unha resposta decisiva e disuasoria contra Israel e os Estados Unidos pola morte do alto cargo no momento e lugar apropiados.
Unha noite de ataques
O Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) informou de que Irán lle notificou o impacto dun proxectil no recinto da central nuclear de Bushehr, no sur do país, sen que se contabilizasen feridos entre o persoal nin danos na instalación.
Os Estados Unidos dixeron que atacaran varias instalacións de mísiles iranianos que estaban situados de forma estratéxica preto do estreito de Ormuz con cinco toneladas de municións antibúnker.
Australia dixo que un proxectil atribuído a Irán impactou nas inmediacións da base aérea conxunta de Al Minhad, en Emiratos Árabes Unidos (EAU), onde se atopan despregados efectivos australianos, sen que se rexistrasen vítimas entre o persoal.
Arabia Saudita, EAU e Bahrein dixeron que interceptaran drons iranianos ao longo da noite e da madrugada.
O barril de brent continúa este mércores por encima dos 100 dólares.