Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ucraína anuncia tregua para este mércores e deixa en mans de Rusia unha eventual prolongación

Ucraína anuncia tregua para este mércores e deixa en mans de Rusia unha eventual prolongación

O Kremlin quere un cesamento de hostilidades para o día 9 con motivo da celebración do Día da Victoria soviética sobre a Alemaña nazi

Zelenski, este luns co primeiro ministro británico Keir Starmer (Reuters) Zelenski, este luns co primeiro ministro británico Keir Starmer (Reuters)
G24.gal 04/05/2026 21:34

O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, anunciou este luns unha tregua para o 6 de maio e deixou en mans de Moscova a posibilidade de prolongala, xa que o Kremlin quere un cesamento de hostilidades para o día 9 con motivo da celebración do Día da Victoria soviética sobre a Alemaña nazi.

"Consideramos que a vida humana ten un valor incomparablemente maior que calquera 'celebración' de aniversario. Neste sentido, anunciamos un réxime de cesamento do fogo a partir da 00.00 hora local do 5 ao 6 de maio", escribiu Zelenski na súa conta da rede social X, na que pediu a Rusia secundala.

"No tempo que queda ata ese momento, é realista garantir que o silencio entre en vigor. Actuaremos de forma recíproca a partir dese momento", indicou.

Zelenski afirmou que "chegou o momento de que os dirixentes rusos dean pasos reais para poñer fin á súa guerra, especialmente dado que o Ministerio de Defensa ruso considera que non pode celebrar un desfile en Moscova sen a boa vontade de Ucraína".

Horas antes o Ministerio de Defensa de Rusia anunciou unha tregua en Ucraína para os días 8 e 9 de maio, en liña co proposto polo presidente ruso, Vladímir Putin, para conmemorar o 81 aniversario da vitoria soviética sobre a Alemaña nazi.

Moscova expresou o seu desexo de que Kíiv siga o seu exemplo e respecte o cesamento de hostilidades durante o venres e o sábado, día no que terá lugar un desfile militar na praza Vermella.

Defensa advertiu que no caso de que Ucraína intente frustrar a conmemoración, "as Forzas Armadas rusas lanzarán un ataque masivo con mísiles en represalia contra o centro de Kíiv".

Á súa vez, Zelenski dixo previamente no cume da Comunidade Política Europea (CPE) que Rusia teme un ataque con drons o día do desfile militar na praza Vermella de Moscova.

"Rusia anunciou un desfile do 9 de maio en Moscova sen equipamento militar. Se isto ocorre será a primeira vez en moitos, moitos anos. Non poden permitirse equipamento militar e temen que os drons poidan sobrevoar a Praza Vermella", afirmou.

O presidente ucraíno realizou estas declaracións horas despois de que un dron ucraíno impactase nun edificio de Moscova situado a uns dez quilómetros do Kremlin, segundo confirmou o alcalde da capital rusa, Serguéi Sobianin

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade