Entra en vigor a tregua pascual declarada por Rusia e Ucraína
En principio, expirará na medianoite do domingo, cando ambos os países celebran a Pascua ortodoxa
Moscova ignorou a iniciativa de Kíiv ata hai dous días
Imaxe dos estragos causados por un dron ruso en Ucraína (REUTERS/Alexander Ermochenko)
A tregua pascual acordada por Rusia e Ucraína entrou en vigor este sábado á 16.00 horas, e, en principio, expirará na medianoite do domingo, cando ambos os países celebran a Pascua ortodoxa.
Este é o cuarto cesamento do fogo desde o comezo da guerra en febreiro de 2022 entre rusos e ucraínos, cuxas negociacións de paz con mediación dos Estados Unidos están estancadas desde hai case dous meses debido ao conflito en Irán.
O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, avogara por unha tregua nestas datas en varias ocasións nas últimas semanas, pero Moscova ignorou a iniciativa de Kíiv ata hai dous días.
Entón, o líder ruso, Vladímir Putin, anunciou que "se declara un cesamento do fogo desde as 16.00 horas do 11 de abril ata o termo do 12 de abril de 2026". A nota destacaba que o mando militar ruso recibira instrucións para cesar as hostilidades en todas as frontes durante esas 32 horas.
No entanto, agregaba que as tropas estarían "preparadas para contrarrestar calquera posible provocación ou acción agresiva do inimigo". "Partimos de que Ucraína seguirá o exemplo da Federación Rusa", concluía.
Horas despois, Zelenski asegurou que Kíiv respondería a Moscova "de xeito simétrico".
"Todos sabemos con quen nolas estamos vendo. Ucraína adherirase ao cesamento do fogo e responderá exactamente do mesmo xeito. A ausencia de ataques rusos por terra, mar e aire significará que non haberá resposta pola nosa banda", escribiu este sábado nas súas redes sociais.
Ademais, Zelenski insistiu en que Ucraína está disposta a prolongar o parón nos combates durante máis de dous días, aducindo que "un cesamento do fogo por Pascua podería converterse no inicio dun movemento real cara á paz".
"Como dixemos repetidamente e como afirmou o presidente Putin, non queremos un cesamento do fogo, queremos a paz: unha paz duradeira e sostible", comentou o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, na súa última rolda de prensa telefónica diaria.
Ante a pregunta dunha posible prolongación do cesamento do fogo, o Kremlin sinalou que o anuncio se subscribe exclusivamente á Pascua ortodoxa e ten "un carácter humanitario", xa que é unha festa sacra, tanto para rusos como para ucraínos.
Esta tregua non debe permitir "á parte ucraína aproveitalo de ningún xeito para obter vantaxe militar, reagruparse ou emprender accións que poidan alterar a súa posición militar", declarou, á súa vez, o representante do Ministerio de Exteriores ruso para Ucraína, Rodión Miróshnik.
No pasado, Putin xa declarara unilateralmente treguas dun día ou máis, por exemplo de 30 horas na Pascua do pasado ano ou con ocasión do 80 aniversario da vitoria do Exército Vermello sobre a Alemaña nazi.
Mentres, Zelenski sempre avogou por treguas de 30 días, algo que tamén apoiou o presidente dos EUA, Donald Trump, ata o cume con Putin en Alaska en agosto do pasado ano.