Dous feridos ao impactar un dron ruso nun edificio en Romanía
Un dron ruso impactou este venres de madrugada contra un edificio de apartamentos na cidade romanesa de Galati, preto da fronteira con Ucraína, e ocasionou un incendio que causou feridas leves a dúas persoas
Un dron ruso impactou este venres de madrugada contra un edificio de apartamentos na cidade romanesa de Galati, preto da fronteira con Ucraína, e ocasionou un incendio que causou feridas leves a dúas persoas, informaron as autoridades do país balcánico.
Segundo indicou en redes sociais a Inspección Xeral de Situacións de Emerxencia de Romanía, o dron impactou no décimo piso do edificio de vivendas e a súa carga explosiva detonou por completo, o cal obrigou a evacuar unhas 70 persoas.
Os bombeiros que se desprazaron ao lugar lograron extinguir o lume. Os feridos foron trasladados a un hospital próximo.
"Non houbo vítimas mortais. Os residentes permanecen evacuados ata que os técnicos finalicen as inspeccións, incluída a estrutura do edificio", declarou o xefe do Departamento para Situacións de Emerxencia (DSU), Raed Arafat, ao portal digi24.ro.
Antes do impacto, emitiuse unha alerta de emerxencia tras detectárense drons próximos ao espazo aéreo romanés e dous avións caza F-16 engalaron ás 01:19 hora local da base militar de Fetesti, informou o Ministerio de Defensa romanés.
"Os pilotos das aeronaves tiñan autorización para atacar obxectivos durante todo o período de alerta", engadiu.
Un helicóptero da Forza Aérea Romanesa apoiou as operacións e un equipo de investigadores especializados en explosións desprazouse ao lugar dos feitos.
O Ministerio de Defensa informara previamente sobre un ataque nocturno de Rusia con drons contra Ucraína.
A cidade de Galati está situada a beiras do Danubio, preto das fronteiras coa República Moldova e con Ucraína.