Un morto e dous feridos nunha colisión entre dous camións e un turismo en Brión
O falecido é un home de 64 anos
O accidente obrigou a cortar a circulación no quilómetro 12 da CG-1.5, á altura dos Ánxeles
Unha colisión entre dous camións que transportaban aluminio e un coche deixou unha persoa falecida e outras dúas feridas en Brión, no quilómetro 12 da CG-1.5, na parroquia dos Ánxeles.
Dúas das vítimas foron evacuadas en ambulancia, mentres que a outra foi trasladada en helicóptero medicalizado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago. O falecido foi xa identificado. Trátase dun home de 64 anos.
Un helicóptero do 112 trasladou a unha das vítimas ao hospital
O accidente produciuse contra as 8:50 horas, cando un particular informou o 112 Galicia dun accidente con posibles persoas atrapadas.
Unha vez no lugar, os equipos de emerxencias sinalaron que había un total de tres persoas feridas.
Segundo Urxencias Sanitarias de Galicia-061, un dos feridos no sinistro faleceu.
As vítimas foron evacuadas ao hospital en ambulancia e nun helicóptero medicalizado.
A Garda Civil de Tráfico confirma que a circulación permanece cortada mentres se desenvolven os traballos dos servizos de emerxencias.
No operativo participan Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Santa Comba, o GES de Brión, a Policía Local e os servizos de mantemento da estrada.