Arranca a campaña do ourizo nas Rías Baixas con boas capturas e exemplares de bo tamaño
En Bueu empezaron xa dende o primeiro día, o 1 de outubro, e en Cangas agardan ata o luns
Aínda que o tope oficial é de 90 quilos por embarcación, en Bueu decidiron rebaixalo a 80 para preservar o recurso e manter os prezos
O quilo de ourizo acadou os 17 euros en lonxa; as ovas véndense por cen euros o quilo
Estes días comeza a campaña do ourizo de mar no sur da comunidade. En Cangas déixano para a semana que vén, pero noutros lugares como Bueu xa comezaron. A media mañá chegaban ao peirao os barcos coas capturas da xornada. O tempo acompaña neste inicio de campaña que arranca oficialmente o 1 de outubro.
"De momento comezou ben, hai bo tempo e agora faénase ben. cando empeore o tempo, xa se verá", dicía Salva Pérez, mariñeiro que se dedica agora ao ourizo nada máis atracar no porto de Bueu.
Catro embarcacións, das cinco que contan co permiso para o ourizo en Bueu, están traballando neste arranque de tempada, xa que a outra está de baixa. Traballan por agora na illa de Ons, onde hai abundancia de bos exemplares.
"Vimos de traballar en Ons, na parte de atrás e hai boa calidade. Hai algún golfeiro aínda neste comezo da temporada, pero trabállase ben, non hai queixa", comenta Salvador.
"O tamaño mínimo legal é de 55 milímetros, pero está entrando produto de maior tamaño, de momento é bo", sinala Adriana García, biólogo da confraría de pescadores de Bueu.
Non teñen problema en completar axiña a cota diaria. A normativa fixa en 90 quilos o tope por barco, aínda que os patróns decidiron rebaixar en dez quilos a cota e traballar só tres días para garantir a conservación do recurso.
"Por preservar un pouco o recurso, pois collemos menos cantidade, por mantelo", asegura o mariñeiro. "Igual que reducen quilos, pois tamén reducen os días, por manter os prezos e preservar o recurso. O recurso está en bo estado, pero sempre é bo reducir as capturas e que non haxa sobrepesca", engade a bióloga da confraría.
Todo o que entra na lonxa está xa vendido. A maioría vai para Francia ou Italia onde é moi aprezado. Arredor de dezasete euros acada aquí o quilo de molusco. Polas ovas, a parte comestible, páganse uns cen euros o quilo. A campaña rematará na primavera do ano próximo. A anterior pechou con bos resultados, case 29 toneladas, o que se traduciu nuns ingresos de 445.000 euros para a frota ouriceira.