Intentan roubar a caixa forte dun supermercado da Laracha
Os asaltantes entraron de madrugada forzando a porta do almacén
A Garda Civil investiga se hai relación con outro roubo frustrado nun supermercado de Santa Comba

Segundo confirma a Garda Civil, os asaltantes entraron pola porta traseira na madrugada da fin de semana. Ao parecer, foron directos á caixa forte, pero non lograron o botín.
Nas últimas horas os axentes fixeron a inspección do local, e tamén se fixo peritaxe dos danos, xa que os ladróns forzaron a porta do almacén para acceder. Malia que o suceso obrigou a pechar o supermercado durante varias horas na mañá de onte, hoxe funciona con total normalidade.
Mentres, a Garda Civil investiga os feitos e indaga tamén se puideran estar relacionados con outro idéntico intento de roubo con violencia nun supermercado de Santa Comba o pasado mes de agosto.