Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un singular festival de artes escénicas e tradición popular enche de cultura unha aldea de Covelo

Un singular festival de artes escénicas e tradición popular enche de cultura unha aldea de Covelo

Foi creado por Alberto 'Gigi' Tejedor, quen fora coreógrafo de Norma Duval, e decidiu promover un espazo de cultura diferente en Piñeiro de Areas

Durante dez días, distintos artistas plásticos e das artes escénicas e musicais amosan as súas creacións e imparten obradoiros para divulgar a súa obra entre os participantes

G24.gal 10/08/2025 21:31

Nada é convencional neste evento. Nin os participantes, nin os espazos en que se desenvolve, nin o xeito en que botou a andar, hai xa dúas décadas, da man dun bailarín profesional que decidiu retirarse neste recuncho do mundo chamado Piñeiro de Areas., unha aldea rural, rodeada de monte e campos, na montaña do municipio de Covelo.

"Pois a culpa tena Norma Duval, con iso digo todo. Traballei con ela durante moito tempo e por circunstancias circunstanciais rematei aquí. Durante dous anos os veciños nin me falaban", conta Alberto 'Gigi' Tejedor, promotor do festival Artealdea.

Paseniño foi integrando aos veciños no seu afán creativo e divulgador. Agora Artealdea xa está consolidado. Durante dez días, todos os veráns, recoñecidos profesionais da danza e da escena, músicos ou artistas plásticos participan no festival amosando a súa obra e impartindo obradoiros.

"Aínda que parece mentira hai xente que aínda non tocou o barro. E o que eu quero é achegalo para que despois voen como eu voo coa miña imaxinación e creatividade", sinala Lourdes Rodríguez, ceramista contemporánea que leva xa varios anos participando no festival.

Sobre un escenario de táboas construído de xeito artesanal a carón dun vello muro de pedra, os participantes deixan fluír a súa vea artística sen complexos nin limitacións.

"O vir aquí foi unha liberación, un reencontro comigo mesmo e si que é certo que unha vez ao ano, vén moi ben reconectar coa natureza, como estamos facendo aquí hoxe", asegura Xoel Santos, un rapaz que participou en obradoiros de música, danza e teatro.

Artealdea é o berro de maxia e creatividade dun mundo que se resiste a calar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade