Róubanlle as catro rodas do coche aparcado en Boiro
Non lle deixaron nin os parafusos e o automóbil estaba apoiado nuns bloques de formigón
Mayte é veciña de Abanqueiro, en Boiro, e di que este sábado aprendeu algo novo a partir de que, por comodidade, non meteu o coche no garaxe e deixouno nun aparcamento onda o centro social. Á mañá seguinte tiña que empregalo para ir ao seu traballo na Pobra.
"Entraba ás oito. Ás oito e media chego aquí e vexo o meu coche sobre uns bloques e sen as catro rodas. Despelexado totalmente. Non o podía crer. Miraba para o coche e dicía: non é o meu. Pechaba e abría os ollos...xa me entrou unha paranoia, botei a correr para chamar a parella e que me levara ao traballo", explica Mayte.
Os bloques, que alí seguían este martes, leváronos os autores do roubo. A vítima di que a rodas tiñan menos de dous meses desde a estrea e que lle levaron ata os 16 parafusos, polo que o coche non puido ser retirado ata o luns en que foron os do taller cos medios para poder trasladalo. Os ladróns tamén lle deixaron algún dano na chapa e, polo que nos conta, tentaron levarlle as rodas a outro que había no mesmo aparcamento.
"Pero tiñan un parafuso antirroubo e non o lograron ou non lles deu tempo, e deixaron os parafusos no chan", precisa Mayte.
Para ela ese día fíxose realidade que os contratempos ás veces non veñen sós. Di que "ao pouco deuse a casualidade tamén de que me chamou (a parella) dicindo con que súa nai se puxera mala e, ao pouco, volveu chamar para dicirme que morrera. Foi todo así, un cúmulo de cousas".
Como contrapeso relativo das adversidades, sinala que o seu seguro lle dá cobertura para o roubo que sufriu. Tamén celebra que no habitáculo non lle entraran, polo que aprendeu que o coche non é o sitio axeitado para deixar cartos nin obxectos de valor.
"Aínda tiña unha xoíñas de ouro tamén. Xa quitei todo. Na vida volvo deixar algo aí, á parte de metelo no garaxe aínda que me leve media hora abrindo e pechando", conclúe a vítima do roubo das rodas en Abanqueiro.