Rosalía refírese á Coruña nun dos temas do seu novo disco
Na letra de Reliquia di: "Y en la ciudad de Cristal fue que me trasquilé"
Refírese á guedella que cortou sen darse conta na actuación de Motomami no Coliseum
Rosalía vai adiantando temas do seu novo disco, Lux, a contagotas. O 20 de outubro publicou o primeiro vídeo oficial para adiantar que o disco completo se presentaría este venres. Pero este martes un segundo tema, Reliquia, púidose escoitar nunha plataforma musical. Estivo accesible so arredor dunha hora, porque, supostamente, o de publicalo xa foi un erro. Por erro ou por puro cálculo, o caso é que Reliquia, grazas aos fans máis atentos, xa circula polas redes.
No relatorio de cousas que lle pasaron en distintos lugares de todo o mundo, a cantante inclúe o que lle pasou na Coruña hai tres anos, durante o concerto da xira de Motomami no Coliseum: "Y en la ciudad de Cristal fue que me trasquilé".
Na coreografía dun dos temas daquela xira, Rosalía simulaba que cortaba unha guedella do pelo, e sen darse conta no concerto da Coruña cortouno de verdade, cousa que parece que lle quedou tan gravada coma para incluílo entre os recordos que agora afloran en Reliquia.