Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rosalía fai historia nos Latin Grammy ao acadar seis premios, entre eles ao álbum do ano

Rosalía fai historia nos Latin Grammy ao acadar seis premios, entre eles ao álbum do ano

A artista catalá converteuse na máis premiada da historia co seu disco Lux, recoñecido como mellor álbum alternativo e con "La perla" como canción do ano

Milo J foi o segundo artista máis galardoado, Jorge Drexler conseguiu tres premios e Alejandro Sanz conseguiu o premio a mellor álbum de pop contemporáneo por ¿Y ahora qué?

REUTERS/Caroline Brehman REUTERS/Caroline Brehman
G24.gal 13/11/2026 07:31

Rosalía fai historia nos Latin Grammy ao converterse na artista máis premiada nunha mesma edición, con seis galardóns. A cantante catalá conseguiu un fito ao converterse na primeira artista que logra que os seus álbums de estudio, culminados con Lux, se fagan co premio ao álbum do ano.

A española levou o galardón máis importante da noite polo seu traballo Lux, o terceiro álbum do ano da súa carreira. Tamén conseguiu o premio a canción do ano por "La perla", mellor álbum alternativo, mellor vídeo musical en formato curto por Sauvignon Blanc e un recoñecemento ao traballo de enxeñaría do disco.

Visiblemente emocionada, Rosalía asegurou que aínda ten moito que aprender, pero tamén que conta con todo o necesario para chegar a ser a mellor.

O segundo artista máis premiado foi o arxentino Milo J, que conseguiu catro gramófonos, os primeiros da súa carreira. Entre eles, o de gravación do ano por "Niño" e mellor álbum folk por La vida era más corta. Desde o escenario reivindicou a música tradicional do seu país cun berro: "Viva o folclore arxentino!".

O uruguaio Jorge Drexler conseguiu tres premios, mentres que os arxentinos Ca7riel e Paco Amoroso tamén sumaron tres galardóns. Karol G levou dous, entre eles o de mellor álbum de música urbana por Tropicoqueta. A colombiana Aria Vega foi recoñecida como artista revelación.

Tamén houbo premios para a música española. Alejandro Sanz conseguiu o de mellor álbum de pop contemporáneo por ¿Y ahora qué, mentres que Yerai Cortés foi distinguido co de mellor álbum flamenco por POPULAR.

A gala estivo marcada polas actuacións musicais. Rosalía foi a encargada de abrila e Daddy Yankee protagonizou un dos momentos máis destacados, tras recibir o recoñecemento como Persoa do Ano e interpretar varios dos seus grandes éxitos acompañado pola española Bad Gyal.

A cerimonia incluíu tamén unha homenaxe póstuma ao músico Willie Colón, falecido en febreiro aos 75 anos, na que participaron artistas como Niña Pastori e Grupo Niche.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade