Ribadavia convértese nun escenario teatral ao aire libre ata o vindeiro sábado
A súa Mostra Internacional de Teatro desprega 23 propostas escénicas
Esta edición número 41 trae sete estreas en Galicia
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia transforma a vila ourensá cada verán nun escenario ao aire libre. Entre as 23 propostas escénicas desta edición número 41, topámonos cunha coreografía con laranxas dirixida aos máis pequenos.
"É unha forma de achegar a danza contemporánea desde un lugar máis divertido", explica Mari Paula sobre o seu espectáculo, Escambo.
A mostra trouxo este ano sete estreas en Galicia e varias compañías de referencia que aínda non pasaran polo festival, como o dúo de performance Los Torreznos.
"É un festival que ten moito prestixio en toda España e para nós, é un luxo estar aquí", afirma Rafael Lamata, un dos membros de Los Torreznos.
O festival leva as artes escénicas por distintos espazos do concello. Los Torreznos dispuxeron como escenario da súa obra, unha reflexión sobre a cultura, da igrexa a Madalena.
"Que mellor que un sitio así, que leva tantos anos en pé, para seguir pensando xuntos", congratúlase Jaime Vallaure, a outra metade do dúo.
A nova directora da MIT de Ribadavia subliña que o encontro arrancou con moito público e anuncia xornadas moi interesantes por diante.
"Prevese moita actividade, 23 espectáculos, case 40 actividades para todos os públicos, danza, circo, teatro: o que vén sendo a MIT, un lugar onde ver do mellor da escena contemporánea tanto de Galicia como de fóra e iso é o que temos nestes próximos días", explica a nova directora da mostra, Sabela Mendoza.
A MIT de Ribadavia estará en marcha ata o sábado que vén.