Publicador de contidos

Publicador de contidos

Inaugúrase a 35 Mostra de Encaixe de Camariñas, cunha avenida en homenaxe ás palilleiras

Inaugúrase a 35 Mostra de Encaixe de Camariñas, cunha avenida en homenaxe ás palilleiras

Un pleno extraordinario aprobou este mércores que a avenida Ambrosio Feijóo pase a chamarse avenida das Palilleiras

O certame inclúe a participación de encaixeiras de 7 países e no programa de Grandes Deseñadores tamén se dan cita firmas como Devota&Lomba, Dolores Cortés ou Ondas do Mar

Palilleiras na 35 Mostra de Encaixe de Camariñas
G24.gal 01/04/2026 20:08

A 35ª edición da Mostra do Encaixe de Camariñas comezou este mércores cun amplo programa de actividades que se alongará ata o vindeiro domingo. O inicio incluíu a celebración dun pleno extraordinario no que se formalizou o cambio do nome da avenida Ambrosio Feijóo a avenida das Palilleiras, en homenaxe a este oficio.

O Concello, a través das súas redes sociais, celebrouno como "un acto de xustiza, de dignidade e de reivindicación feminista".

"Durante séculos, o traballo das nosas palilleiras foi silencioso e feito de portas para dentro. Pero con eses palillos e ese fío, non só sacaron adiante as súas familias nos tempos máis duros, senón que levantaron Camariñas e puxeron o noso nome no mapa do mundo", defendeu o ente local.

Participantes da Arxentina, Bulgaria, Eslovaquia, Italia, Polonia, Portugal e España 

A mostra desenvolverase no pavillón Víctor Hugo ata o domingo. Nela participarán, dentro do programa Grandes Deseñadores, creadores e firmas como Ana Cabranes, Claudina Mata, Devota&Lomba, Innamoretto, José Perea, Andion Clothing, Dolores Cortés, El Pulpo, José Matteos, Ôse Couture, Xoaquín Ruíz e Ondas do Mar.

Este xoves dará comezo o desfile de ArtEncaixe, con artesáns chegados de diferentes puntos de Galicia, e tamén debutarán os participantes no 32º Concurso de Noveis Deseñadores. Ademais, haberá costura en directo, o Pequeencaixe e o desfile de delegacións de encaixeiras procedentes de países como A Arxentina, Bulgaria, Eslovaquia, Italia, Polonia, Portugal e tamén España.

A iso únese unha completa programación de espectáculos, que inclúe actuacións de Luar na Lubre, Antía Muíño, Sebastián Allones Dans, Marta Doviro, Carmen Méndez, Ledicia Sola e agrupacións folclóricas e corais. Todo iso estará acompañado por degustacións gastronómicas e outras actividades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade