Unha palilleira de Muxía arrasa cunha publicación na internet
Roza os catro millóns de visualizacións cunha publicación palillando no parador Costa da Morte
Lucita leva toda a vida palillando. Aprendeu aos seis anos, na casa, coa súa nai. E simplemente palillando no Parador Costa da Morte, vén de saltar á fama na internet cunha publicación que se fixo viral. Para a súa sorpresa, o vídeo ten preto de catro millóns de visualizacións.
"A verdade é que moito porque non esperaba tantos millóns mirando o vídeo. Moi contenta porque a min gústame homenaxear a estas mulleres coas que aprendemos, nosas nais, as avoas que grazas a elas estamos aquí. Elas axudábanos a criar co encaixe", di Lucita Figueroa Rodríguez.
Lucita non perde o fío mentres conversa desde o seu curruncho no Parador de Muxía. Tamén é coñecida entre os visitantes da fervenza do Ézaro.
"Pensan que é maxia, os estranxeiros quedan...e din como cun pau e fío se fan estas obras de arte. Non o entenden", explica Lucita Figueroa Rodríguez.
Pero esta artesanía téxtil require moitas horas de traballo e destreza para palillar con esta celeridade.
"Isto é como un músico que ten a súa partitura, séguea e saca música. Tamén é marabilloso. Os arquitectos teñen os planos e fan casas. Pois nós co noso cartón, o noso plano, sacamos obras de arte", razoa Lucita Figueroa Rodríguez.
Ela tece seguindo uns debuxos antigos que herdou das mulleres da súa familia.