Ribadavia acada a máxima temperatura da xornada en Galicia, con 42,8 graos
A vaga de calor obrigou a Xunta a suspender as actividades deportivas no exterior en case 90 concellos e a recomendar a máxima precaución na bacía pontevedresa do Miño e na comarca de Valdeorras

Galicia vive unha nova xornada de calor abafante, especialmente en Pontevedra e Ourense, onde se activou o aviso laranxa por altas temperaturas.
Temperaturas como os 42,8 graos que se rexistraron esta tarde en Ribadavia, a máxima de Galicia, ou os máis de 42 en Ourense.
E os máis de 40 que padeceron na maioría dos concellos que cruza o Miño tanto na provincia de Ourense como en Pontevedra.
Nestes lugares, e na comarca de Valdeorras, estivo activo durante toda a xornada un aviso laranxa por altas temperaturas.
No resto de Galicia a xornada foi mesmo máis abafante que a deste domingo, agás na Costa da Morte e no norte da comunidade: alí, e aínda que pareza incrible, houbo concellos onde non pasaron este luns dos 20 graos.
Foron a excepción dun novo episodio desta vaga de calor que mesmo obrigou a Xunta a suspender as actividades deportivas ao exterior en case 90 concellos e a recomendar a máxima precaución sobre todo entre a xente maior e os máis cativos na bacía pontevedresa do Miño e na comarca de Valdeorras.
E a vaga de calor non remata: para as vindeiras horas prevese que se volvan vivir noites tropicais en varios puntos da comunidade, e mesmo se podería rexistrar algunha noite tórrida, é dicir, cunha temperatura mínima superior aos 25 graos.