Resonac agarda recibir fondos europeos para fabricar baterías de coches eléctricos con grafito
O presidente da Xunta visitou este luns as instalacións da fábrica na Coruña
O grafito é o material clave para as baterías dos coches eléctricos. A fábrica coruñesa Resonac está traballando para utilizar este mineral na fabricación das baterías. Estiman iniciar as probas este ano. Os responsables da empresa e o presidente da Xunta, que hoxe visitou Resonac, piden que o proxecto reciba o apoio dos fondos europeos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca que o interese da firma de orixe nipón Resonac Graphite Spain por consolidarse en Galicia demostra o potencial da Comunidade para liderar industrias que farán unha sociedade máis sostible.
Alfonso Rueda agradeceu aos responsables da firma que o seu futuro pase por permanecer e medrar en Galicia, tanto nun sector no que xa é líder -a fabricación de eléctrodos de grafito-, como na constante innovación na fabricación e comercialización de novos produtos -ánodos de baterías para vehículos eléctricos-, avanzando cara a unha industria sostible, respectuosa co medio ambiente e competitiva.
O titular do Goberno galego salientou as “enormes posibilidades” para a mobilidade sostible que xeran proxectos industriais como nos que traballa Resonac dirixidos ao desenvolvemento do vehículo eléctrico.
“Aquí hai moitísimo futuro”, asegurou. E garantiu o apoio da Xunta de Galicia nesta nova andaina da firma na nosa Comunidade porque -recordou- a obriga da Administración é facilitar a implantación de proxectos como o desta internacional “que paga a pena porque está entroncada no futuro”, indicou.
O presidente da Xunta reafirmou o compromiso do Goberno galego coas empresas que queiran investir na comunidade. Con ese obxectivo, desde a Administración autonómica dáselles facilidades -con bonificacións de ata o 50 % para implantarse en territorio galego-, certezas -coa creación de figuras como a iniciativa empresarial prioritaria ou o proxecto empresarial estratéxico-, e estabilidade -con medidas para abaratar a factura eléctrica das grandes empresas-.
No caso de Resonac, o pasado mes de xuño autorizouse ao Ministerio para a Transición Ecolóxica o inicio da tramitación de dous parques eólicos que subministrarán enerxía á planta da Coruña, dous proxectos que acaban de obter tamén a declaración de impacto ambiental positiva.