Aprendendo a conducir un coche eléctrico e as súas vantaxes
Un concesionario de Lugo ensina as vantaxes de conducir un vehículo eléctrico
Pilotos profesionais dan formación teórica e práctica para animar os potenciais clientes a dar o salto á electromobilidade
A matriculación de vehículos cen por cento eléctricos medrou un oitenta por cento este ano en España pero o salto tecnolóxico aínda dá vertixe a algúns condutores que se enfrontan á decisión de abandonar o coche convencional de combustión.
"De combustión toda a vida, teño un que merquei hai dous anos aínda e agora ata que me dure pero, pois quería coñecer a tecnoloxía", di Sergio Prieto, cliente do concesionario de Audi en Lugo.
Unha trintena de condutores reciben neste concesionario resposta ás súas dúbidas, a maioría centradas na eficiencia das baterías e os puntos de recarga.
"Facemos de media quince mil quilómetros ao ano, polo cal a maior parte da xente podería ter un coche eléctrico", subliña Adela Bouza, xerente de concesionario.
"A mellor opción sería cargar na casa e os cargadores públicos usalos só cando vamos facer unha viaxe longa", apunta Santiago Prado, piloto profesional.
Os potenciais clientes probaron os distintos modelos de coche eléctrico para aprender como sacarlle o maior rendemento.
"O coche eléctrico o podes conducir como un coche normal, si, pero se queres que chegue a estes quilómetros a mellor maneira de conducilo é esta"; "Os clientes saen probar os coches, que son modelos novos e teñen moita tecnoloxía nova".
Aprecian unha condución automática e silenciosa, pero ollo coa aceleración!
"Son coches que teñen moita máis saída que os de combustión, saen moito máis rápido, hai que ter coidado con iso".
"Teñen moita potencia pero tamén animan a ter unha condución máis sosegada".
Coñecementos para desbotar medos e apostar pola electromobilidade para unha condución máis cómoda, ecolóxica e eficiente.