Unha empresa galega fabrica un vehículo pesado eléctrico punteiro
Pode ter diferentes usos con motobombas antiicendios, de carga, de defensa
Está feito ao cen por cento en Galicia e a empresa xa ten varios pedidos desde Cataluña
A corporación galega Torgo está orientada ao sector da electromobilidade. Acaban de sacar este vehículo pesado de altas prestacións no que estiveron a traballar máis de cinco anos.
"É unha plataforma multipropósito, a carrocería pode ser variada, pode ser un chasis cabina unicamente, despois a parte traseira para poñer equipación de motobomba antiicendios, de carga, de defensa... O relevante é que é cero emisións non só por como se concibe un vehículo eléctrico, é cero emisións acústicas, cero emisións térmicas", destaca Rubén Blanco Fernández, director da compañía Little Cars e da corporativa Torgo.
Aseguran que coas características e as prestacións que ten é o único a nivel mundial.
"As características que ten un vehículo coma este, con esta potencia, motores, batería... É capaz de acceder a lugares onde outro vehículo convencional de combustión é imposible que acceda. Nós fixemos tests, probas, homologacións. Supera de sobra as prestacións dinámicas e de funcionamento de calquera outra alternativa que pode haber no mercado", engade.
Este vehículo ten funcionalidades diversas.
"Pódese utilizar para a extinción de incendios, poñéndolle unha motobomba, pódese usar para carga, para traballos intensivos. Este vehículo de nove prazas que vai para a Generalitat de Cataluña é para facer visitas en estacións de montaña e para traballar en estacións de montaña. Ábrense multitude de posibilidades, en defensa tamén, de feito, xa están interesados en aplicacións deste estilo", asevera.
Este vehículo é cen por cento deseñado e fabricado en Galicia. Están en fase de produción de máis unidades. Moitas delas con destino a Cataluña.
