Os gandeiros intensifican as protestas e denuncian as condicións dos contratos do leite
Agromuralla di que a baixada do prezo proposto polas industrias, “de ata 9 céntimos en litro, sumada ao incremento dos custos de produción, supón unha diferenza de ata 15 céntimos en litro con respecto ás marxes actuais das granxas”
Gandeiros interceptaron unha cisterna con 15.000 litros de leite procedente de Portugal en Teixeiro
No campo, os beneficios dos agricultores diminúen, e os sindicatos agrarios están a protagonizar diversas protestas. Por exemplo, diante dunha industria en Teixeiro. Interceptaron un condutor que traía leite de Portugal e tiraron os 15.000 litros de leite que traía a cisterna.
Unións Agrarias asegura que é unha práctica habitual das empresas, que queren baixar o prezo que lles pagan aos produtores polo leite.
En Lugo, un grupo de gandeiros reclamou un "prezo xusto" para o leite que producen ás portas dunha fábrica de Leite Río. Foron convocados por Agromuralla, que tamén promovera unha concentración esta semana diante da factoría de Lactalis en Nadela (Lugo).
A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, explicaba este venres en declaracións a EFE que a industria mantén unha “postura inamovible, impositiva e coercitiva” con respecto aos gandeiros que lle fornecen o leite.
“Entón nós tamén imos seguir na nosa postura. Os contratos non se asinan, e moito menos nos termos en que nolos puxeron encima da mesa”, engadiu.
“Pola información que temos, hai unha elevada porcentaxe de contratos que non se está asinando, precisamente porque os prezos que nos están expondo son totalmente inaceptables”, remarcou.
A baixada do prezo do leite proposto polas industrias nos novos contratos, “de ata 9 céntimos en litro, sumada ao incremento dos custos de produción das explotacións supón unha diferenza de ata 15 céntimos en litro con respecto ás marxes actuais das granxas”, calcula esta asociación, o que fai que eses contratos sexan "ilegais para todos os efectos".