Publicador de contidos

Publicador de contidos

UU. AA. rompe relacións coa industria pola caída do prezo dos contratos lácteos

UU. AA. rompe relacións coa industria pola caída do prezo dos contratos lácteos

Di que a rebaixa nos prezos "non ten razón de ser" e "pon en xaque o futuro de moitas explotacións"

Unións Agrarias convocou durante os últimos días diversas mobilizacións en contra da baixada do prezo do leite (EFE/Xoán Rey) Unións Agrarias convocou durante os últimos días diversas mobilizacións en contra da baixada do prezo do leite (EFE/Xoán Rey)
G24.gal 30/03/2026 17:34

O secretario xeral do sindicato Unións Agrarias (UU. AA.), Roberto García, deu este luns por "rotas" as relacións da súa organización coa interprofesional e coa industria láctea ante o intento de renovación á baixa dos contratos de subministración de leite cos produtores galegos.

García participou nunha reunión con representantes da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), ante quen defendeu que esta rebaixa nos prezos "non ten razón de ser" e "pon en xaque o futuro de moitas explotacións" no que definiu como "un sector clave na estrutura de produción e na economía das comarcas galegas".

Así pois, avanzou que desde UU. AA. traballarán por que estes novos contratos que entren en vigor o 1 de abril para os próximos catro meses "se declaren ilegais" e sinalou que pedirán a actuación da Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica), dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, por un posible incumprimento da lei da cadea alimentaria.

Segundo García, o incremento dos custos provocado pola guerra en Oriente Medio fai que, cos novos contratos, haxa produtores que se vexan obrigados a vender o seu leite a prezos por baixo do custo que lles supón conseguilo; algo que contravén esta normativa.

Do mesmo xeito, o dirixente da organización agraria indicou que exporán á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) que analice a entrada de leite de terceiros países por baixo dos prezos fixados e "actúe penalmente contra as industrias que o están facendo".

Para rematar, pediu tanto ao ministerio como á Xunta de Galicia que interveñan para determinar en que medida as empresas lácteas se beneficiaron desta situación que está "distorsionando o conxunto do mercado" e incorrendo nunha "fraude administrativa para o consumidor", que descoñece a orixe do leite que compra.

Asinar contratos por medo

Roberto García trasladou que entende que haxa produtores que "por medo a ter que tirar o leite" asinen estes contratos, pero reiterou que "teñen que ser declarados ilegais antes de que termine o mes" para que as empresas remuneren os gandeiros na súa xusta medida.

"Sen gandeiros e sen leite en España o que sobran son tamén as industrias", sentenciou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade