Perdas millonarias no sector leiteiro polo verme soldado
A praga estraga plantacións de millo por todo o país, polo que urxen a tomar medidas urxentes
Devoran as follas do millo ata acabar coa planta enteira en cuestión de días. Son os vermes soldado, unhas eirugas que están a provocar perdas millonarias entre os produtores de leite. Segundo denuncian dende Agromuralla, nas últimas semanas a praga acabou con milleiros de hectáreas de cultivo, que houbo que sementar de novo.
"O verme soldado adiantou o seu ciclo e o millo aínda non se desenvolvera. Replantamos as terras, onde hai calvas polo ataque deste verme. Aquí aínda quedou millo polo medio, pero outras plantacións foron devoradas enteiras. Houbo que usar herbicidas, volver sementar, pero coa seca ese millo aínda non creceu", quéixase o gandeiro Manuel Legaspi.
"Cando sementamos, xa botamos un insecticida preventivo, pero non foi suficiente. Tivemos que volver entrar nun cento de hectáreas. Nalgunhas tivemos que botar insecticida ata tres veces", engade o gandeiro Manuel Penedo.
Ante a devastación causada por esta praga, dende o sector leiteiro reclaman que se tomen medidas efectivas. Piden que, de forma excepcional e con carácter de urxencia, a lexislación europea permita realizar tratamentos fitosanitarios con drons nas plantacións afectadas polo verme soldado.
"Se xa está grande o millo, que non se pode entrar con tractores, pois que o dron poida actuar. Pero iso é complicado, porque a administración non está capacitada para autorizar iso. Nin sequera o Ministerio. Tería que vir de Bruxelas. É dicir, serían ao mellor tres campañas para poder atenderlle", sinala Legaspi.
"Habilitamos un tractor, unha sulfatadora e GPS para pesar o menos posible, pero esnaquízase bastante. O ideal sería cun dron", subliña Penedo.
Sospéitase que foron as altas temperaturas das últimas semanas as que provocaron a chegada desta praga.