Queixas en Guntín por unha praga de moscas
Os insetos ocasionan constantes molestias nas vivendas e tamén nos negocios, onde mesmo houbo que fumigar
A veciñanza de Guntín quéixase de que leva todo o verán soportando as molestias que lle ocasiona unha praga de moscas. Nubes delas asolan cada día as mesas dos seus comedores, tanto dentro como fóra das vivendas.
Nas casas desta vila probaron con todo tipo de medidas para intentar librarse das moscas, pero nada lles acabou de funcionar polo de agora. Máis drásticos foron nalgún negocio de hostalería, onde mesmo tiveron que gastar miles de euros en fumigar o establecemento.
"Aquí estiveron de Sanidade, e tivemos que facer uns contratos cunha empresa de control de pragas. Foron os que nos axudaron, xunto cos climatizadores que temos aquí. Fómoslle metendo aire frío, portas cerradas e demais", sinala Eduardo Fernández, copropietario dun bar.
Polo momento, a procedencia desta praga é para os afectados todo un misterio.