A galega Urovesa facturou 137 millóns en 2025, un 13 % máis que o ano anterior
O beneficio neto da compañía elevouse por riba dos 20 millóns
A empresa destinará parte deses beneficios ao lanzamento e industrialización da súa nova liña de produto, o AX4. Europa Press
A empresa galega Urovesa pechou o ano 2025 cunha facturación de 137 millóns de euros, un 13% máis que o exercicio anterior. Este crecemento, segundo a compañía, hase debido ao bo comportamento da firma, especializada no desenvolvemento de vehículos militases, no mercado nacional.
A este respecto, Urovesa explica que o aumento da facturación estivo sustentado, en gran parte, por un "maior impulso investidor" por parte do Ministerio de Defensa. A iso sumouse a "tendencia positiva" na súa actividade exportadora, grazas ao desenvolvemento dos contratos plurianuais que a empresa asinou nos últimos anos en diversos países, especialmente na contorna de Medio Oriente e Asia Pacífico.
O beneficio neto da compañía elevouse en 2025 por encima dos 20 millóns. Este resultado, subliñan os responsables de Urovesa, permítelles unha maior independencia financeira para acelerar e impulsar os plans de investimento nas súas novas instalacións de Santiago e Valga.
No municipio pontevedrés investirá 50 millóns para ampliar a súa sede en máis de 100.000 metros cadrados para habilitar varias áreas que incluirán, entre outras, zonas de almacén, áreas de pintura e liñas de montaxe de vehículos. As previsións da empresa, sinalan un comunicado, son que o investimento cree algo máis dun cento de postos de traballo directos e aproximadamente máis de catrocentos indirectos.
Urovesa destinará parte deses beneficios ao lanzamento e industrialización da súa nova liña de produto, o AX4, presentado na pasada edición de Eurosatory, en París. Os investimentos necesarios para activar unha nova liña de montaxe para este produto espérase que estean completadas durante o primeiro semestre do ano 2027, co fin de iniciar a produción en serie dentro dese exercicio.