Publicador de contidos

Publicador de contidos

Francia dará axudas de 20 céntimos por litro de carburante a transportistas e pescadores

Francia dará axudas de 20 céntimos por litro de carburante a transportistas e pescadores

Os agricultores quedarán exentos do pago de calquera imposto especial sobre o gasóleo agrícola

O Goberno francés anunciou unha batería de medidas, só para o mes de abril, para axudar os sectores máis afectados pola guerra de Irán

Reuters Reuters
G24.gal 27/03/2026 19:44

O Goberno francés anunciou este venres unha batería de medidas, limitadas ao mes de abril, para apoiar os sectores máis afectados pola alza do prezo dos hidrocarburos polo conflito de Oriente Medio, como axudas de 20 céntimos de euro por litro de carburante para pescadores e transportistas en dificultades.

Tamén haberá medidas de apoio para os agricultores franceses, xa que o Goberno os eximirá do pago de calquera imposto especial sobre o gasóleo agrícola durante o mes que vén.

Trátase dunha "resposta gradual, específica, sectorial e limitada o mes de abril", informou o ministro de Economía e Finanzas, Roland Lescure, nunha conferencia de prensa xunto aos responsables das competencias de Enerxía, Transporte, Pesca, Pequenas e Medianas Empresas e Agricultura.

Súmanse ás medidas xa adoptadas polo Goberno desde o inicio da crise, lembrou o ministro, como as tomadas para garantir a transparencia de prezos e controlar os abusos ou as medidas urxentes para facilitar a tesourería dos grupos afectados.

Neste caso o Estado irá máis aló, con axudas directas, para soster "os sectores máis en perigo", precisou Lescure, pola alza de prezos da enerxía.

En Transporte, o ministro Philippe Tabarot lembrou que o 90% das mercancías circulan aínda por estrada, que é un ramo de actividade que concentra 400.000 empregos en 45.000 empresas e que é un "pulmón" fundamental para garantir a "resiliencia" da economía francesa.

Por iso, para as pequenas e medianas empresas de transporte por estrada (tanto de mercancías como de pasaxeiros) que poidan xustificar estar en dificultades dispúxose un fondo de 50 millóns de euros destinado a entregar axudas de 20 céntimos de euros por litro de carburante. 

É unha medida similar á que se aplicará aos pescadores para garantir que poidan seguir traballando a pesar da crise. Para acompañar os agricultores anunciáronse as citadas exencións fiscais ao gasóleo agrícola, o que representará un esforzo de 14 millóns de euros que o Estado deixará de ingresar.

Se miramos máis a longo prazo, estas medidas non son "suficientes", admitiu pola súa banda a ministra delegada de Enerxía, Maud Bregeon, porque Francia e outros países están a pagar, en realidade, o prezo da súa "dependencia" enerxética.

"Ningunha democracia debe permitir que a súa soberanía enerxética dependa de potencias exteriores", aseverou, e a solución "ten un nome, é a electrificación", para non depender dos prezos dos carburantes, que están a mercé de conflitos que Francia non elixiu.

Iso tradúcese, dixo, en construír un sistema de enerxía descarbonizada e producida en Francia, baseado na nuclear e as renovables.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade