Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os EUA falan dun preacordo de cesamento do fogo, que Irán desmente

Os EUA falan dun preacordo de cesamento do fogo, que Irán desmente

O acordo, que debe ser aprobado por Donald Trump estipula que a navegación a través do Estreito, bloqueado por Irán en represalia pola ofensiva estadounidense e israelí, será "sen restricións"

Estados Unidos comprométese a debater o levantamento de sancións a Irán e a liberación de fondos iranianos conxelados

Irán e os EUA cruzan ataques e Israel lanza ofensiva contra O Líbano: tres meses de guerra

Vista do estreito de Ormuz (Reuters)
G24.gal 28/05/2026 18:50

Estados Unidos confirmou este xoves que os seus negociadores alcanzaron un preacordo con Irán para desbloquear o estreito de Ormuz e estender o cesamento do fogo, un entendemento que aínda debe recibir a aprobación final do presidente estadounidense, Donald Trump.

Fontes do Gobierno norteamericano confirmaron á prensa a información adiantada en exclusiva polo medio Axios, segundo a cal o acordo só necesita xa a luz verde do mandatario republicano.

O diario dixital citou dous altos cargos estadounidenses que revelaron que o acordo estipula que a navegación a través do estreito, bloqueado por Irán en represalia pola ofensiva estadounidense e israelí, será "sen restricións".

Segundo Axios, Irán non impoñerá ningunha peaxe no estreito, clave para o comercio mundial de cru, e Estados Unidos levantará o bloqueo marítimo que impuxo contra buques que saen e chegan a portos iranianos.

O memorando de entendemento incluiría o compromiso de Irán de non desenvolver armas nucleares, unha liña vermella para Trump, aínda que deixaría para máis diante as negociacións para limitar o enriquecemento de uranio por parte da República Islámica.

Este asunto sería abordado durante a extensión de 60 días do cesamento do fogo vixente desde o pasado abril.

Así mesmo, Estados Unidos comprométese a debater o levantamento de sancións a Irán e a liberación de fondos iranianos conxelados.

Estados Unidos e Irán intensificaron durante a última semana, coa mediación de Paquistán, as negociacións para poñer fin á guerra iniciada por Estados Unidos e Israel o pasado 28 de febreiro.

Desde a pasada fin de semana, a Casa Branca insistiu en que o acordo era cuestión de días, aínda que Teherán rebaixou as expectativas de que o pacto fose inminente.

Segundo Axios, os termos do acordo foron acordados en gran medida o martes, pero ambas as partes necesitaban a aprobación dos seus líderes.

Irán comunicaría xa que dá luz verde ao acordo, pero Trump non quixo aprobalo de inmediato, apuntou o medio.

A posibilidade de que o tema nuclear quede para unha fase posterior provocou o rexeitamento de varios senadores republicanos aliados de Trump que criticaron as concesións que Estados Unidos está disposto a dar.

Irán nega que pechase un preacordo

Malia o anuncio dos EUA, Irán nega a existencia dese preacordo. A axencia Tasnim, próxima á Garda Revolucionaria iraniana, cita unha fonte próxima ao equipo negociador da República Islámica que afirma que "non é verdade" que se chegase a un entendemento e engade que o texto non está finalizado aínda.

Tamén engade que Irán non comunicou ao mediador paquistaní que o texto estea pechado e que, cando o acordo estea finalizado, os negociadores da República Islámica comunicaranllo ao mediador e ao pobo.

"Ata entón, calquera afirmación desde fontes occidentais sobre a finalización do acordo, non é valida", subliñou a fonte citada por Tasnim. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade