Irán e os EUA cruzan ataques e Israel lanza ofensiva contra O Líbano: tres meses de guerra
Este xoves reúnense en Washington o secretario de Estado estadounidense Marco Rubio e o chanceler de Paquistán Ishaq Dar, mediador nas conversacións
Ataque israelí no Líbano (Reuters)
Os Estados Unidos anunciaron este xoves un novo ataque contra Irán, o segundo da semana, ao que o país persa dixo que respondeu cunha ofensiva contra unha base aérea estadounidense, e Israel comezou novos bombardeos contra Hezbollah no sur do Líbano, cando se cumpren tres meses do inicio da guerra.
Mentres, continúan as conversacións indirectas entre os EUA e Irán para poñer fin ao conflito e reabrir o estreito de Ormuz, clave para o comercio enerxético, e este xoves reúnense en Washington o secretario de Estado estadounidense Marco Rubio e o chanceler de Paquistán Ishaq Dar, mediador nas conversacións.
A continuación, as últimas horas do conflito, que comezou co ataque dos EUA e Israel contra Irán o pasado 28 de febreiro:
Os EUA atacan instalacións militares iranianas e derruban drons
As Forzas Armadas dos Estados Unidos atacaron a o mércores pola noite, hora local, unha instalación militar do sur de Irán e derrubaron catro drons de ataque que foron lanzados sobre barcos norteamericanos, segundo funcionarios citados por medios locais.
Os medios estatais iranianos foron os primeiros en alertar sobre tres explosións ao leste de Bandar Abbas, cidade portuaria meridional iraniana próxima ao Estreito de Ormuz, na madrugada do xoves.
A operación foi reivindicada como un acto de defensa propia, de acordo coa prensa estadounidense.
Irán responde lanzando un ataque contra unha base aérea estadounidense
A Garda Revolucionaria iraniana dixo este xoves que lanzou un ataque contra unha base aérea dos Estados Unidos en resposta á ofensiva previa.
O corpo militar de elite iraniano sinalou nun comunicado recolldo pola axencia Tasnim que, tras o ataque dos EUA contra un punto próximo ao aeroporto de Bandar Abbas con proxectís aéreos, a base aérea estadounidense, orixe da agresión, foi atacada ás 03:50".
O texto non especifica onde está a base estadounidense.
Irán informou así mesmo que bloqueou o paso polo Estreito de Ormuz a catro embarcacións dos EUA que intentaron atravesalo sen autorización, segundo Tasnim.
Israel anuncia novos ataques no sur do Líbano contra Hezbollah
O exército israelí anunciou este xoves que lanzou novos ataques contra o grupo xiíta libanés Hezbollah en Tiro, cidade do sur do Líbano, no marco da intensificación da súa ofensiva na zona pese ao acordo de cesamento do fogo entre ambos os dous países.
O primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu xa anunciou o martes unha escalada nos ataques ao Líbano e a toma de novas zonas estratéxicas por parte do exército, e as FDI sinalaron que atacaron aproximadamente 550 obxectivos de Hezbollah no Líbano esta semana.
O exército israelí anunciou este xoves a morte en combate dunha militar de 20 anos nun operativo no norte do país.
Os EUA sancionan a autoridade do Estreito de Ormuz
A Oficina de Control de Activos Estranxeiros (OFAC) do Departamento do Tesouro dos Estados Unidos sancionou este mércores (hora local estadounidense) a Autoridade do Estreito do Golfo Pérsico (PGSA, en inglés), ao incluíla na Lista de Nacionais Especialmente Designados e Persoas Bloqueadas (Lista SDN), polo que Washington cualificou como novo intento de tirar proveito económico dos buques que transitan por Ormuz.
Bolsas á baixa, petróleo á alza
As principais bolsas de Asia rexistran este xoves caídas xeneralizadas, lastradas polo aumento da tensión en Oriente Medio tras os recentes ataques dos Estados Unidos contra Irán e a postergación do acordo de paz
O brent, de referencia en Europa, subía un 3, 74 %, ata os 97,82 dólares por barril, ao redor do 07:15 (hora galega).