Publicador de contidos

Publicador de contidos

Neno, o vehículo máis pequeno do mercado

Neno, o vehículo máis pequeno do mercado

Deseñado e fabricado en Galicia está pensado para mellorar a mobilidade sostible nas grandes cidades

100 % eléctrico, non precisa carné e pode acadar os 50 quilómetros por hora

O coche mide 110 centímetros de ancho e 1,75 de lonxitude
G24.gal 23/05/2025 14:33

Chámase Neno, non precisa carné e é o vehículo máis pequeno do mercado. Nace da man de Castrosua, a empresa galega especializada en fabricar carrocerías de autobuses.

"Acostumados a facer autobuses e vehículos de transporte colectivo de grandes dimensións, lanzámonos agora ao universo da micromobilidade", conta Javier Rodríguez, director xeral do grupo Castrosua.

E nace coa vocación de complementar o transporte público colectivo, cunha solución individual de uso compartido.

"Formulamos axudar á mobilidade da cidade con áreas determinadas de uso reservadas para estes vehículos que polo seu tamaño a ocupación do espazo público é mínimo. Onde metes un coche, metes catro Nenos perfectamente", engade o directivo da empresa.

E é que Neno mide menos de 2 metros. Con todo pode levar dúas persoas e o seu maleteiro permite unha carga de ata 180 litros.

"É un vehículo equipado con todas as medidas de seguridade necesarias para esta tipoloxía de vehículos e que ten unha perfecta conectividade con todos os teléfonos móbiles e dispositivos de usuario. Porque precisamente está pensado que se active por un mecanismo de NFC, sen necesidade de chave de arranque e cun uso durante o tempo en que ti necesites moverte", explica Javier.

100 % eléctrico, a súa autonomía pode chegar aos 100 quilómetros.

"O vehículo pola súa tipoloxía de homologación acada ata os 50 quilómetros por hora, polo tanto pode ir por vías públicas, onde esa velocidade máxima sexa a permitida", continúa.

Deseñado e fabricado en Galicia, Neno é un proxecto estratéxico de diversificación empresarial, pero sen perder a vocación de transporte público, un segmento en que Castrosua leva traballando dende o ano 1948. En mente xa teñen unha versión cargo, un pouco máis grande, para o transporte de mercadoría lixeira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade