Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta denuncia que corren risco proxectos medioambientais por valor de 2.000 millóns

A Xunta denuncia que corren risco proxectos medioambientais por valor de 2.000 millóns

Europa confírmalle á Xunta que o Goberno central non pediu a tempo as axudas do Fondo Social para o Clima

Galicia presentará os seus proxectos directamente á Comisión Europea 

Os conselleiros da Presidencia, Medio Ambiente e Vivenda compareron para facer pública a preocupación da Xunta
G24.gal 28/10/2025 14:08

Preocupación na Xunta despois de que Bruxelas lle confirmara que están en risco os fondos destinados a medidas relacionadas co medioambiente, o chamado Fondo Social para o Clima. A España correspóndenlle máis de 6.800 millóns de euros. Pero o Goberno non presentou os proxectos a tempo. O prazo remataba o pasado 30 de xuño, segundo lle acaba de confirmar a Comisión Europea á Xunta, pero tanto España coma a maioría dos países non enviaron o seu plan.

Son cartos que se deben destinar a axudas para instalar paneis solares, cambiar caldeiras, coches eléctricos ou rehabilitar vivendas. Galicia avanza que vai presentar directamente a Europa os seus proxectos. En total suman 2.000 millóns de euros. A maioría destinados a construción de vivenda, pero non só.

Hai iniciativas para crear un sistema de transporte rural a demanda, adquisición de taxis adaptados eléctricos no rural, mellora da eficiencia enerxética nas estacións de autobuses dependentes da Xunta ou aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido. A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez di que estamos nun "momento caótico por que no ano 2026 hai que comezar a executar eses fondos e non sabemos o que vai pasar". Bruxelas insta o Ministerio a presentar o seu plan canto antes.

O Fondo Social para o Clima foi creado para acompañar o novo sistema de control de emisións de dióxido de carbono porque Bruxelas asume que vai supor un forte gasto que tanto familias coma pemes non poden afrontar sen subvencións. Está dotado con 65.000 millóns de euros e cada Estado deberá achegar adicionalmente un 25 por cento con cargo aos seus propios orzamentos. No caso de España, o importe total rozará os 9.000 millóns de euros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos