Os comerciantes saen ás rúas e prazas de Lugo
Oitenta negocios sacan as mercadorías á vía pública con descontos para animar as vendas
Unha iniciativa da Federación de Comercio e o Concello de Lugo que se repite os últimos martes de mes
Incentivar o consumo é o obxectivo desta iniciativa de continuidade que se celebra os últimos martes de cada mes en Lugo. Os comerciantes ofrecen na vía pública descontos para dar saída ás mercadorías.
"Empezou a facer moito frío entón por teño todo de abrigo, parkas, chuvasqueiros, pixamas xa gordos para o inverno, teño moito en gorros, guantes, manoplas, bufandas, un pouquiño de todo o que se necesita para o inverno para vestir os nosos nenos", di a propietaria dunha tenda de moda infantil na rúa da Raíña.
Os negocios saen á rúa no centro histórico e nos barrios como reclamo para os consumidores que miran e mercan pezas de roupa e calzado de abrigo tras a chegada do frío.
"Hai ofertas que en tenda non as temos, por exemplo hoxe temos pixamas xa de inverno, batas e xa comezamos tamén coa roupa de inverno", explica unha vendedora en Camiño Real. As clientas recoñecen que "sempre paras, miras e ás veces picas".
Oitenta tendas participan nesta xornada de comercio na rúa de sectores diversos, incluído o de reformas e decoración. Os compradores aproveitan para renovar o enxoval da casa. Nun establecemento da rolda das Fontiñas sacan á rúa "edredóns, colchas, sabas e produtos ecolóxicos, desde canastras para bebés a produtos de limpeza" e tamén atopamos "mantiñas e alfombras para o chan das cociñas, dos corredores".
Unha bandeirola identifica os participantes na campaña da Federación de Comercio e mailo Concello de Lugo para encher as rúas de vida e poñer en valor os negocios de proximidade.