Nova rolda de negociacións comerciais en Malaisia entre a China e os EUA
É a quinta xuntanza entre ambas as dúas potencias dende o mes de maio no medio dun aumento das tensións
No fondo do encontro están as restricións chinesas á exportación de terras raras e as novas tarifas portuarias mutuas
Trump e Jimping estreitan as mans en Beiging no 2017. REUTERS/Damir Sagolj
As delegacións encargadas das negociacións comerciais entre a China e os Estados Unidos comezaron este sábado a súa nova rolda de conversas en Kuala Lumpur, segundo informa a axencia oficial chinesa Xinhua.
"As delegacións chinesa e estadounidense reuníronse este sábado pola mañá para falar de asuntos comerciais e económicos", dixo Xinhua nun conciso comunicado.
O encargado de liderar as negociacións pola parte chinesa, o viceprimeiro ministro Hei Lifeng, chegou ás 11:00 horas á torre Merdeka 188, o rañaceos máis alto de Malaisia, para reunirse co secretario do Tesouro dos EUA, Scott Bessent, e o representante comercial, Jamieson Greer.
Segundo fontes diplomáticas citadas polo diario hongkonés South China Morning Post, está previsto que ambas as dúas comitivas dialoguen ata a tarde do sábado, e non se descarta que celebren un segundo encontro o domingo.
A cita, acordada tras unha recente videochamada, buscará achegar posturas despois das últimas friccións comerciais e antes da agardada xuntanza do presidente dos EUA, Donald Trump, co seu par chinés, Xi Jinping, o vindeiro 30 de outubro, segundo Washington.
Será un encontro en Gyeongju, Corea do Sur, nas marxes do cume de líderes do Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC).
En declaracións á prensa, Trump afirmou este venres que no seu encontro con Xi debateranse cuestións agrícolas e a situación de Taiwan, unha illa autogobernada que Pequín considera como "parte inalienable" do seu territorio.
"Temos moito que falar co presidente Xi, el ten moito que falar connosco, creo que teremos unha boa reunión", manifestou o mandatario republicano.
Nova escalada de tensións
A nova escalada de tensións entre ambas as dúas potencias ten de fondo as restricións chinesas á exportación de terras raras, un grupo de metais esenciais para a industria tecnolóxica controlada pola China, e as novas tarifas portuarias mutuas, entre outros asuntos.
Pequín xustificou as restricións ás exportacións de terras raras por motivos de seguridade nacional, mentres Washington, que impón outras restricións tecnolóxicas ao xigante asiático, cualificounas de "desproporcionadas".
En resposta, o presidente estadounidense ameazou con elevar ao 100 % os gravames aos produtos chineses desde o 1 de novembro. Esta é a quinta reunión entre Hei, Bessent e Greer desde maio, a última celebrada a mediados de setembro en Madrid.
As conversas na capital malaisiana suceden case en paralelo á reunión de líderes da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), que se celebra entre o domingo e o martes en Kuala Lumpur, na que se agarda a presenza de Trump.