O PPdeG denuncia o "adoutrinamento" con contidos sobre Altri ou Palestina nas propostas da CIG para formar profesorado
O PPdeG denuncia o "adoutrinamento" con contidos sobre Altri ou Palestina nas propostas da CIG para formar profesorado
Paula Prado di ademais que as propostas do sindicato son "en favor da conflitividade social"
A CIG responde que o material enviado aos centros "enmárcase na lexislación educactiva vixente"
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, advertiu este xoves que a súa formación non está disposta a consentir "o adoutrinamiento da CIG e BNG nas aulas", tras denunciar que o sindicato remitiu cartas a centros educativos galegos en que propoñen o uso de materiais que, ao seu modo de ver, teñen esa intención e "a prol da conflitividade social".
Prado realizou estas declaracións na Coruña, en alusión a uns materiais que a propia CIG-Ensino difundiu na súa páxina web, onde explica que pon ao dispor do profesorado propostas didácticas para "traballar co alumnado a situación do medioambiente galego".
En concreto, trátase, indica o sindicato, de dúas "situacións de aprendizaxe" que expoñen distintas tarefas e que están elaboradas polo colectivo Profesorado Diverxente. Levan por título 'Altri, as novas Encrobas?' e 'Incendios nunca máis'.
Prado criticou que as "únicas solucións" do BNG para os problemas dos galegos e galegas sexan "as que lles dita a UPG nos seus documentos e as que lles propón Bildu nas súas reunións no País Vasco", que se "reducen a manifestarse contra todo" e a "utilizar á CIG para instigar a conflitividade tamén nas aulas".
"Estes días vimos como se enviaban aos centros escolares unhas cartas para convidar o profesorado a utilizar materiais a prol desa conflitividade social e darlles materiais para instruír os nenos e nenas", aseverou, antes de advertir que o PP non vai consentir " o adoutrinamiento da CIG e do BNG nas aulas".
"Apelo á conciencia de todas as nais e pais de Galicia para que non consintan que os seus fillos sexan adoutrinados pola CIG e polo BNG a través do profesorado nas aulas", resolveu Paula Prado.
A CIG responde que o material enviado aos centros "enmárcase na lexislación educativa vixente"
A CIG-Ensino respondeulle á secretaria xeral do PPdeG que o material didáctico enviado aos centros está "plenamente imbuído dentro dos contidos curriculares e dos obxectivos marcados polo marco lexislativo educativo".
Nun comunicado o sindicato sinalou que non enviou ningunha carta aos centros, senón que mandou un correo ao profesorado poñendo á súa disposición material para abordar, entre outras cuestións, a situación do pobo palestino ou os efectos dos incendios e das industrias contaminantes no territorio.
Devanditos materiais, dispoñibles na web da CIG-Ensino, pretenden "fomentar a perspectiva crítica do profesorado" e responden os obxectivos enunciados no preámbulo da LOMLOE. Nesta liña, apunta a CIG, tal e como se recolle nun dos recursos didácticos dedicado a Palestina, os decretos que ordenan os ensinos da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato en Galicia "inclúen múltiples referencias en diversas materias aos dereitos humanos, aos xenocidios e á necesidade de tomar conciencia dos conflitos producidos e que se producen actualmente na Idade Contemporánea".
Con todo, a CIG reafirmou que todos os materiais didácticos postos ao dispor do profesorado "enmárcanse na lexislación educativa vixente" e acusou a Prado de querer "enfrontar as familias co profesorado" cunhas declaracións que son unha "absoluta irresponsabilidade".