Rescatan unha muller tras caer nunha zona de dificil acceso en Lobios
Emerxencias despregou un amplo operativo para evacuar á accidentada que fracturou unha perna nunha zona de montaña
Ante a imposibilidade de mobilizar o helicóptero, os efectivos chegaron á zona nun todo terreo

Os equipos de emerxencias rescataron unha muller tras caer nunha zona de difícil acceso e que non podía moverse no municipio ourensán de Lobios.
O 112 recibiu o aviso do accidente por parte dun particular contra as 16:00 horas deste sábado e detallou que á zona non podía chegar unha ambulancia. A vítima tiña unhas fracturas nas pernas.
Foi no sendeiro do Pozo das Olas, en Guende, na zona de san Paio de Araúxo.
A central de emerxencias, deu aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que expuxo a posibilidade de mobilizar o helicóptero medicalizado, pero non foi posible pola complicada situación meteorolóxica na zona.
Ademais, informaron os membros do GES de Lobios, que decidiron chegar ata o lugar nun todo terreo canda axentes da Garda Civil. Foron os encargados de rescatar á muller e transportala ata a localidade máis próxima para evacuala en ambulancia ata un centro sanitario.
