Os chefs Miguel Vidal e Manu Núñez, novas incorporacións ao Grupo NOVE
A agrupación aposta por incorporar chefs que fan cociña galega fóra de Galicia
Miguel Vidal e Manu Núñez traballan en Madrid e Barcelona
O Grupo NOVE suma 29 membros, entre os que figuran once restaurantes con Estrela Michelín
O seu compromiso coa nosa gastronomía é fundamental. Tal e como se define o Grupo NOVE, é unha agrupación de cociñeiros e cociñeiras galegas que reivindican as raíces e a creatividade na cociña como valor engadido ao produto galego.
O grupo ten xa 29 membros, entre os que figuran once restaurantes con Estrela Michelín. Desde hai pouco o grupo acolleu dous membros máis: Miguel Vidal e Manu Núñez, un traballa en Madrid e o outro en Barcelona.
"Valorar talentos galegos que traballan máis aló das nosas fronteiras, que reivindican esa cociña, esas raíces, eses produtos que levan de Galicia a Madrid e Barcelona. Alí Manu Núñez, todos sabemos o traballo que fai en prol da cociña galega e tiña toda a lóxica que estivese dentro do Grupo NOVE, está cociñando Galicia fóra de Galicia. E por outro lado, temos a Miguel, que traballa 100 % con produto galego, traballa moito co receitario galego tradicional pasado polo seu software", di Lucía Freitas, chef con Estrela Michelín e integrante do Grupo NOVE.
A súa presentación como membros de NOVE tivo lugar en Madrid no evento "Galicia sabe a orixe". Esta é a primeira ocasión na que o Grupo NOVE inclúe entre os seus membros cociñeiros que traballan fóra de Galicia.
"Para nós, é moi importante, son referentes de sitios moi diferentes que fan sentir á xente como se estivesen na nosa terra. Iso era algo que faltaba e este ano por fin fíxose xustiza", engade.
O Grupo NOVE é un referente a nivel gastronómico. A agrupación considera que tanto Manu Núñez como Miguel Vidal están "facendo marca Galicia fóra de Galicia".
