Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia e Ucraína intercambian acusacións polo descarrilamento dun tren con sete mortos

Rusia e Ucraína intercambian acusacións polo descarrilamento dun tren con sete mortos

As canles de Telegram foron as primeiras en adiantar a versión de que a derruba da ponte que provocou o sinistro puido deberse a unha explosión nos piares

Unha segunda ponte caeu ao paso dun tren de mercadorías

Moscova fala de "actos terroristas" e apunta a Ucraína; Kíiv responde que "o Kremlin está a preparar o terreo para unha ruptura das conversacións (de paz), cun ataque de imaxe contra Ucraína no ámbito mediático internacional"

Reuters
G24.gal 01/06/2025 09:03 Última actualización 01/06/2025 13:58

O Comité de Instrución de Rusia (CIR) investiga como atentados terroristas o derrubamento esta noite de dúas pontes nas rexións fronteirizas de Briansk e Kursk, do que políticos rusos responsabilizan a Ucraína.

Mentres o gobernador de Briansk, Alexandr Bogomaz, denunciou que o descarrilamento do tren de pasaxeiros ocorrido na súa rexión fora unha voadura, deputados e senadores acusaron a Kiev de estar detrás do sinistro, que se cobrou a vida de sete persoas.

"A voadura da ponte e o accidente do tren de pasaxeiros en Briansk falan de que Ucraína está dirixida por unha organización terrorista", escribiu o influente senador Andréi Klishas na súa canle de Telegram.

A ponte que caeu na noite do sábado na rexión fronteiriza rusa de Briansk, accidente no que morreron sete persoas, foi voada, segundo denunciou este domingo o gobernador, Alexandr Bogomaz.

"A voadura da ponte produciuse durante a circulación do tren Klimov-Moscova, no que viaxaban 388 pasaxeiros. Nestes momentos, hai sete mortos e tres nenos resultaron feridos", dixo Bogomaz á televisión rusa.

As canles de Telegram foron as primeiras en adiantar a versión de que o derrube puido deberse a unha explosión nos piares da ponte, que se derrubou sobre o tren de pasaxeiros e mesmo informaron do achado de supostos fragmentos dun artefacto explosivo.

Nun primeiro lugar, as autoridades rexionais indicaron que o derrube da ponte debeuse a unha "intervención ilegal nas actividades do transporte".

Entre os mortos figura o condutor dun camión que circulaba pola ponte e varios pasaxeiros.

O gobernador engadiu que 47 persoas -outra vintena recibiron axuda médica- foron hospitalizadas despois do descarrilamento da locomotora e doutros catro vagóns.

Ademais, case 200 efectivos dos servizos de emerxencia traballan na liquidación das secuelas do sinistro.

Rusia propuxo a Ucraína celebrar o luns en Istambul a segunda rolda de negociacións de paz, pero Kíiv aínda non confirmou a súa presenza co argumento de que Moscova incumpriu o compromiso de enviar de antemán o memorando das condicións para un cesamento do fogo.

Ucraína acusa a Rusia

Ucraína acusou este domingo a Rusia dunha operación de falsa bandeira para romper as negociacións entre Kíiv e Moscova ao referirse ao esborralle a pasada noite das dúas pontes.

Nunha mensaxe en Telegram, o xefe do Centro contra a Desinformación do Consello para a Seguridade Nacional e a Defensa de Ucraína, Andrí Kovalenko, afirmou que "non é a primeira vez que Rusia recorre a atentados de 'falsa bandeira'" e que "parece que o Kremlin está a preparar o terreo para unha ruptura das conversacións, cun ataque de imaxe contra Ucraína no ámbito mediático internacional".

"Unha vez máis, existe a tentación de presentarnos como un 'país terrorista' para evitar o diálogo e proseguir a ofensiva de verán que xa comezou nas rexións de Sumi e Zaporiyia e continúa no leste", engadiu.

Subliñou que "estes sucesos teñen lugar dous días antes das conversacións sobre un cesamento do fogo en Istambul", ao mesmo tempo que "Moscova non entregou nin un só memorando con propostas e envía alí unha delegación sen autoridade".

Asegurou que "Ucraína non ten ningún motivo para perturbar o cume de Istambul" e que, ao contrario, Kiev "mostrouse de acordo con un cesamento do fogo hai moito tempo".

"Por tanto, unha guerra ferroviaria ao estilo da Segunda Guerra Mundial é un argumento para a propaganda rusa, non unha instrumento da nosa política", destacou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade