Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ucraína destrúe máis de 40 avións de guerra rusos nunha operación "histórica"

Ucraína destrúe máis de 40 avións de guerra rusos nunha operación "histórica"

O ataque con drons chegou a aeroportos rusos situados a máis de cinco mil quilómetros de Ucraína

Zelenski celebra o "brillante" ataque masivo con drons, preparado durante máis de ano e medio

Este luns reuniranse de novo en Istambul Rusia e Ucraína para negociar un cesamento do fogo

Unha casa destruída nun ataque con drons rusos en Járkov. REUTERS/Violeta Santos Moura
G24.gal 01/06/2025 20:02 Última actualización 01/06/2025 23:08

A operación militar ucraína foi de grande envergadura e longa preparación. Os drons ucraínos, introducidos en camións civís no interior de Rusia, atacaron catro aeroportos militares rusos; un dos máis afectados, o de Bélaya, na siberiana Irkusk, está situado a máis de 5.000 quilómetros de Ucraína.

Destrución de avións rusos

As autoridades militares de Kíiv aseguran que destruíron polo menos 41 avións cazabombardeiros rusos, algúns con capacidade para transportar armamento nuclear. O goberno ruso admite o ataque masivo, sen confirmar o número de avións afectados e engadindo que a situación xa está controlada. 

O ataque ucraíno é un dos máis audaces e efectivos desde que comezou a guerra con Rusia.

Descarrilamento

A acción contra os aeroportos prodúcese horas despois do descarrilamento de dous trens rusos, a consecuencia da voadura de dúas pontes en localidade próximas á fronteira con Ucraína. Nestes sinistros morreron polo menos sete persoas, e máis de sesenta quedaron feridas. A voadura mortal atribuíuna o Kremlin a terroristas ucraínos.

Outro ataque, nesta ocasión ruso, ocasionou a morte de doce persoas nun centro de instrución militar ucraíno, tras o cal dimitiu o xefe das forzas terrestres do exército de Ucraína.

Nova xuntanza en Istambul

A intensa actividade bélica desta fin de semana prodúcese horas antes de que os dous bandos enfrontados, Rusia e Ucraína, se reúnan de novo en Istambul a partir deste luns para negociar un cesamento do fogo.

Ucraína atacou catro aeroportos militares no interior de Rusia Ucraína atacou catro aeroportos militares no interior de Rusia

Zelenski celebra a operación

O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, celebrou este domingo a "brillante" e histórica operación do Servizo de Seguridade de Ucraína (SBU) contra a aviación estratéxica rusa, preparada durante máis de ano e medio.

"Un resultado absolutamente brillante. Un resultado independente de Ucraína. Un ano, seis meses e nove días desde o inicio da planificación ata a execución efectiva. A nosa operación de maior alcance ata a data", escribiu Zelenski nunha mensaxe en Telegram.

Agregou que nestes momentos non é posible revelar todos os detalles, pero subliñou que "son accións ucraínas que sen dúbida pasarán aos libros de historia". Asegurou que a xente que preparaba a operación "foi sacada a tempo do territorio ruso".

"Ucraína está a defenderse, e con razón: estamos a facer todo o posible para que Rusia sinta a necesidade de poñer fin a esta guerra. Rusia empezou esta guerra, Rusia debe poñerlle fin", instou.

O SBU cifrou este domingo en máis dun terzo os portadores de mísiles de cruceiro estratéxicos rusos danados durante esta operación a grande escala chamada "Arañeira" contra a aviación estratéxica rusa, supervisada polo propio Zelenski.

"Foron alcanzados o 34 % dos portadores de mísiles de cruceiro estratéxicos dos principais aeródromos da Federación Rusa", afirmou nunha mensaxe en redes sociais.

O comunicado destaca que o custo estimado da aviación estratéxica inimiga destruída ascende a 7.000 millóns de dólares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade