Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia e Ucraína acordan outro troco de prisioneiros pero a tregua non chega

Rusia e Ucraína acordan outro troco de prisioneiros pero a tregua non chega

Delegacións de Kíiv e Moscova mantiveron este luns en Istambul un segundo contacto para tratar de buscar unha saída negociada ao conflito bélico

Reunión en Istambul entre as delegacións de Ucraína e Rusia (Reuters/Murad Sezer) Reunión en Istambul entre as delegacións de Ucraína e Rusia (Reuters/Murad Sezer)
G24.gal 02/06/2025 15:53 Última actualización 02/06/2025 19:27

Rusia e Ucraína acordaron este luns na súa segunda reunión en Istambul en pouco máis de dúas semanas intercambiar a todos os prisioneiros de guerra feridos ou enfermos de gravidade e aos cativos de entre 18 e 25 anos, pero seguen sen lograr avances substanciais para declarar o cesamento do fogo de polo menos 30 días que pide Kíiv.

O primeiro en falar ao remate da reunión foi o ministro de Defensa ucraíno, Rustem Umérov, que, como xa fixo o 16 de maio na anterior reunión en Turquía, volveu encabezar a delegación de Kíiv.

Ademais de anunciar o acordo dos intercambios, que tamén foi confirmado pola delegación rusa, Umérov explicou que a parte ucraína necesitará unha semana para estudar os documentos presentados coas condicións rusas para un cesamento do fogo e para un fin negociado do conflito.

Ucraína pedira recibir os documentos con anterioridade, pero Rusia non accedeu a facilitalos de antemán.

"Entregamos un memorándum que ten dous partes (...) A segunda inclúe os pasos para un posible e total cesamento do fogo", dixo Vladímir Medinski, asesor do presidente ruso, Vladímir Putin, e xefe da delegación rusa nos contactos de Istambul.

Medinski dixo que Rusia presenta dúas posibles alternativas para o cesamento do fogo. Segundo filtracións do memorándum publicadas por varios medios, a primeira parte do documento refírese á resolución do que Moscova considera as causas da guerra, e inclúe a esixencia de que a OTAN se comprometa a non aceptar a máis países situados preto de Rusia.

Para declarar o cesamento do fogo, o Kremlin puido esixir que Ucraína deixe de recibir armamento occidental e de mobilizar a novos soldados durante a tregua, para evitar que Kíiv poida reforzarse durante o parón.

Ucraína non está disposta a aceptar ningunha destas dúas condicións.

Una das propostas rusas anunciadas por Medinski consiste en declarar treguas de dous ou tres días en certos sectores da fronte “para que os comandantes poidan recoller os cadáveres dos seus soldados”.

Umérov anunciou pola súa banda un intercambio de 6.000 cadáveres de soldados inimigos que cada un dos dous bandos ten no seu poder como outra mostra de boa vontade para avanzar nas negociacións.

Medinski tamén se referiu a esta cuestión, pero afirmou que a parte rusa entregará “a próxima semana” de forma unilateral 6.000 cadáveres de combatentes ucraínos que están nas súas mans. “Non se se eles teñen algún corpo. Nós tamén os aceptaremos", declarou.

Segundo revelou Umérov, a delegación ucraína volveu propoñer un encontro a tres bandas entre os presidentes Volodímir Zelenski, Vladímir Putin e Donald Trump para dar impulso ás negociacións de paz. Ucraína propuxo que a reunión, á que mostrou interese en sumarse o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, se celebre entre o 20 e o 30 de xuño.

“O meu maior desexo para ambas as partes é xuntar a Zelenski e a Putin en Istambul ou Ankara”, dixo Erdogan ao remate da reunión.

“O señor Trump tamén pode vir e, se me aceptan, eu tamén participaría”, declarou o presidente turco, que declarou que se empezará a traballar de inmediato para que se produza este encontro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade