A Xunta reunirá os concellos costeiros en setembro para buscar "un pacto do litoral"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, di que o pacto debe ser un “exemplo da cogobernanza” entre a administración autonómica e os municipios
O pleno da Comisión Interdepartamental de Coordinación de Ordenación do Litoral, presidido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, decidiu convocar os 86 concellos afectados por esta lexislación a un cumio no que buscar "un pacto galego polo litoral".
Así o avanzou Rueda no marco da segunda reunión desta comisión na que sinalou que este pacto debe ser un "exemplo da cogobernanza" entre a Administración autonómica e os "86 concellos" (todos os do litoral e aos que se sumaron por cuestións técnicas Tui, Coirós, Padrón e Pontecesures) que concentran "ao 58 % da poboación galega", é dicir, 1,5 millóns de persoas.
Deste xeito, e aínda que as competencias serán de xestión autonómica desde o próximo 1 de xullo, Rueda incidiu na importancia de desenvolver este labor desde a "cogobernanza" na que teñan voz os concellos así como as entidades e asociacións afectadas pola norma.
“Queremos que esta competencia sexa un exemplo de cogobernanza porque cremos que os concellos teñen moito que achegar nesta xestión que asume a Xunta”, abundou o mandatario autonómico.

Desde a Xunta buscarase "converter a costa galega nun exemplo de dinamismo económico sostible" para situar a Galicia "como referente europeo en gobernanza costeira desde unha perspectiva integral".
"Para iso sabemos que hai unha chea de traballo por diante", sinalou Rueda, que incidiu na importancia da redacción das directrices de ordenación do litoral serán o elemento básico da planificación costeira e ofrecerán unha visión global da ordenación, que servirá de referencia para formular os demais instrumentos.
A partir delas, remarcou, "todo o mundo saberá ao que aterse" á hora de tomar decisións urbanísticas na costa galega.
Alfonso Rueda di que esta xestión ten que ser coral, de aí que unha comisión de varios departamentos da Xunta xa traballa nos proxectos que van executar amparados pola lei galega do litoral: unha senda entre Ribadeo e A Guarda, rehabilitación de edificios con valor patrimonial abandonados ou unha rede sostible de establecementos hoteleiros.
"Son obxetivos realizables, cuantificables e comprobables. Pedimos esta competencia porque pensamos que o litoral xestionado dende Galicia vai estar mellor xestionado. Agora é a hora de demostralo", defendeu o presidente.