Vázquez: "Hai que auditar o Goberno; non pode facer caso omiso do mandato da CE e das CC. AA."
A conselleira de Medio Ambiente pídelle ao Goberno central que destine a Galicia parte dos 9.000 millóns de euros que a Comisión Europea outorgou a España a través do Fondo Social para o Clima
Ánxeles Vázquez confía en que o Consello da Xunta a aprobe antes do verán a lei do clima, que incluirá as competencias de meteoroloxía
A conselleira de medio ambiente, Ánxeles Vázquez, pídelle ao Goberno que inclúa a Galicia no repartimento de fondos europeos para o clima. A Comisión Europea reparte 86.000 millóns de euros entre todos os países membros e a España correspóndenlle 9.000 millóns, que deberán ser executados en 2026.
Vázquez denuncia que o Goberno español "fai caso omiso do mandato europeo" e "non conta coas comunidades autónomas". Por iso, pídelle á comisaria europea que "hai que auditar o Goberno central". Nunha entrevista no 'Bos días' da TVG, a vicepresidenta da Xunta indicou que "non imos quedar calados" e non desbota "tomar outras accións porque non o podemos permitir".
"Non queremos desterrar a Aemet, pero pretendemos ter aquilo que nos pertence".
A conselleira de Medio Ambiente confía en que o Goberno central traspase a Galicia as competencias en meteoroloxía, tal e como fixo coas de xestión do litoral.
"Estamos máis preto dos cidadáns, temos os recursos", dixo, "non queremos desterrar a Aemet, pero pretendemos ter aquilo que nos pertence". Neste senso, Vázquez avanzou que o Goberno galego conta con aprobar antes do verán no Consello da Xunta a lei do clima, que está neste momento en fase de redacción. Unha lei que incorporará as competencias en meteoroloxía.
A conselleira afirma que os funcionarios da Xunta e os de costas están traballando de xeito coordinado para facer efectivo o traspaso das competencias de xestión do litoral a partir do 1 de xullo.
"Temos claro o que queremos para a costa. Queremos unha costa activa pero coidada", dixo. Ánxeles Vázquez avanzou para o 2026 a gran senda da costa que comunicará Galicia desde Asturias ata Portugal. Dixo ademais que o obxectivo do Goberno galego é que "aquelas vivendas que están construídas no litoral podan funcionar como pequenos hoteis de calidade na nosa costa co fin de desestacionalizar o turismo".
Galicia, distinguida pola loita contra o cambio climático
A conselleira expresou a súa satisfacción tras ser distinguida co premio Estrella del Clima, que outorga a Alianza do Clima Europea. O galardón distingue a Xunta de Galicia polo seu labor como coordinadora do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía.
"Este recoñecemento é un éxito e un orgullo; un recoñecemento para todos os galegos, pero sobre todo, para os 285 concellos adheridos a esa rede de pactos de alcaldes polo clima", indicou.
Vázquez salienta que Galicia foi a única rexión europea distinguida por esta organización e que esta é a segunda vez que España consegue este recoñecemento.
Segundo dixo, "somos a primeira rexión que máis emisións deixou de emitir; estamos acadando o 62 %". "Sen mirar a ideoloxía e de forma paulatina, Galicia conseguirá o obxectivo de neutralidade climática antes de 2040, o que significa velar pola saúde das persoas".
Plan de xestión do lobo
Ao preguntarlle polo plan de xestión do lobo, a conselleira explicou: "Recibimos dúas solicitudes da provincia da Coruña e temos unha terceira en curso" para facer as "extraccións necesarias" e protexer as explotacións dos ataques do lobo.
"Imos seguir preservando o lobo, pero tamén o resto da biodiversidade e os nosos gandeiros".