A Xunta convoca un concurso de ideas para deseñar bares de praia sostibles e dignos da nosa costa
A Consellería de Medio Ambiente ten identificados 300 en zona de dominio público marítimo e outros 100 en zona de servidume
Ánxeles Vázquez conta ter redactado o proxecto en 2026: "Trátase de instalar bares de praia que sexan dignos e dean servizo aos que queremos gozar da nosa costa"
A Xunta pide a Aagesen que se indemnice a Galicia pola limpeza da vertedura de granulados

A conselleira de Medio Ambiente presentou no Parlamento os proxectos que o Goberno galego pretende realizar tras asumir o pasado 1 de xullo as competencias de xestión do litoral. Unha data histórica, en palabras de Ánxeles Vázquez: "De agora en diante, somos nós os que xestionamos o noso litoral, co obxectivo de coidar, protexer e aproveitar o enorme potencial que representa a nosa costa".
Entre os proxectos anunciados pola conselleira figura a convocatoria dun concurso de ideas dirixido a estudos de arquitectura e de deseño para escoller un prototipo de bar de praia sostible que sexa digno e dea servizo aos que queremos gozar da costa. Un modelo que se mimetice coa paisaxe e a natureza e cumpra con criterios de eficiencia enerxética e sostibilidade.
O novo modelo distinguirá entre dous tipos de praias. Nas zonas naturais, os bares de praia non poderán superar os 70 metros cadrados, e deles só 20 metros poderán estar pechados; o resto terán que estar ao aire libre.
Nos areais urbanos, a superficie máxima destes establecementos será de 200 metros cadrados, dos cales 70 metros deben estar dedicados a terrazas e 30 a aseos. Na actualidade, a Xunta ten identificados 300 bares de praia situados en zonas de dominio público marítimo terrestre e outros 100 en zonas de servidume.
Hoteis con encanto e rehabilitación de edificios en ruínas situados na nosa costa
Outras das actuacións previstas pola Xunta é a creación dunha rede de establecementos turísticos de litoral que busca rehabilitar edificios sen usos ou que estean en ruínas para convertelos en pequenos hoteis de excelencia, con encanto, de non máis de dez cuartos. A previsión é tela lista antes de que remate o ano.
O departamento que dirixe Ánxeles Vázquez vai catalogar bens de valor cultural do litoral coa intención de darlles unha segunda vida e recuperalos. Están revisando 459 elementos, dos cales 300 son edificios que están en perigo de ruína e carecen de uso por esa teimosía en dicir un non continuado por sistema, afirma.
A conselleira aclara que poderán formar parte desta rede as edificacións destinadas a residencias que estivesen legalmente establecidas antes da lei de costas, de maneira que unha antiga fábrica de salgadura poderá converterse nun museo ou unha factoría en desuso nun restaurante.
A Xunta sacará unha liña de axudas de 4 millóns de euros para rehabilitar estes edificios, que pretenden que estea lista antes de que remate o ano.
A Xunta pide a Aagesen que se indemnice a Galicia pola limpeza da vertedura de granulados
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climátic informou este martes de que a Xunta remitiu ao Goberno central unha carta na que reclama o abono dos custos de limpeza da vertedura de granulados fronte á costa galega de decembro do ano 2023.
Nunha misiva dirixida á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, a conselleira volve demandar do Executivo central a apertura dun procedemento de esixencia de responsabilidade ambiental que identifique os responsables desta vertedura.
En decembro de 2023, o buque Toconao perdeu seis contedores fronte ás costas de Portugal, cuxa carga -consistente, entre outros materiais, en varias toneladas de 'pellets' de plástico- foi arribando ás costas galegas nas semanas seguintes e espertou unha importante alarma social.
O operativo de limpeza despregado por mor deste suceso supuxo para as autoridades autonómicas e locais, estimou hoxe Ángeles Vázquez, un desembolso próximo aos 2,5 millóns de euros; do cal esixe que se fagan cargo os responsables que sinale o citado procedemento por iniciar.
Así mesmo, na carta, ademais do pago destas cantidades e doutras medidas reparativas, Vázquez solicita a Aagesen que se avalíen os danos producidos no dominio público marítimo-terrestre e que se establezan medidas de prevención e evitación de novos casos como este.