Publicador de contidos

Publicador de contidos

O equipo de Rueda debulla as contas dos seus departamentos para 2026

O equipo de Rueda debulla as contas dos seus departamentos para 2026

O conselleiro na XXVI Xornada central de formación en vacinas
G24.gal 18/10/2025 18:29 Última actualización 18/10/2025 21:16

Tras a aprobación este venres do proxecto de lei dos orzamentos da Xunta para 2026, o quipo de Goberno de Rueda vai debullando as partidas de cada departamento. 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou este sábado que se vai incrementar o orzamento en vacinación ata os 48,2 millóns de euros, o que supón unha suba do 17%.

Segundo dixo na XXVI Xornada Central de Formación en Vacinas, esta suba permitirá reforzar a protección dun dos grupos máis vulnerables, o das persoas maiores.

Con 7,5 millóns máis que en 2025, de acordo co conselleiro, Galicia seguirá mantendo a súa posición de vangarda, co calendario de inmunización ao longo de toda a vida máis completo do Estado, recoñecido tamén a nivel internacional.

O responsable de Sanidade lembrou que en setembro comezou a campaña de vacinación contra a gripe e a covid, que inclúe, entre outras novidades, a ampliación da vacinación contra a gripe na poboación infantil ata os 11 anos.

Do mesmo xeito, pon en marcha un proxecto piloto de vacinación coa fórmula intranasal en centros escolares, dirixido a nenos e nenas de entre 2 e 11 anos.

En total, participan 55 colexios de toda a comunidade e, segundo o conselleiro, está a ter unha boa acollida porque, ata o momento, inmunizouse máis do 50% do alumnado convocado.

Xestión da biomasa

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural vai duplicar o seu orzamento en 2026 para intensificar os labores de inspección e optimizar a xestión da biomasa nos arredores das aldeas, co fin de mellorar a prevención e a loita contra os incendios forestais.

Avanzouno este sábado en Sober a titular do departamento, María José Gómez, en liña co anunciado polo presidente da Xunta na súa comparecencia parlamentaria tras os incendios forestais de agosto.

Acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo alcalde de Sober, Luis Fernández, sinalou que o orzamento de Medio Rural para este fin duplicarase, pasa de 7,75 millóns a un total de 15,5 millóns de euros.

Ademais, dixo que se vai crear un fondo específico adicional, o Fondo de Garantía para a Limpeza de Franxas, dotado inicialmente con 10 millóns, que se nutrirá coa execución da limpeza que a Xunta cobre tras realizar os traballos de forma subsidiaria.

Anunciou un investimento total superior aos 25 millóns de euros que permitirá "seguir consolidando o sistema público que contribúe a manter limpas as leiras próximas aos núcleos de poboación".

Segundo a conselleira, traballarase con tres obxectivos: reforzar as inspeccións e apoiar os municipios de menos de 10.000 habitantes; revisar as parroquias priorizadas e axilizar as execucións subsidiarias no caso de que os propietarios incumpran a obriga de xestionar a biomasa nas súas parcelas.

Outras melloras

Ademais, os orzamentos inclúen melloras nas bases aéreas existentes e a creación de novas, cun investimento de máis de nove millóns de euros. Prevense intervencións en Valga, Lalín, no Campiño (Pontevedra) e Antela (Sandiás).

Tamén melloran as condicións laborais e a estabilidade do persoal da Xunta que traballa en prevención e defensa contra incendios, co aumento a nove meses (un máis que en 2025) da xornada laboral do persoal, o que representa un terzo do servizo.

Infraestruturas rurais

Outra das partidas destacadas do orzamento de Medio Rural para o próximo ano é a relacionada coas infraestruturas rurais, de xeito que se destinarán 17,7 millóns de euros ao plan Camiña Rural para apoiar os municipios nas tarefas de ampliación e mellora dos camiños municipais.

En canto á mobilización de terras, Medio Rural investirá un total de 16,7 millóns de euros -3,7 máis que en 2025-, co obxectivo de completar as 71 abertas e continuar as actuacións nas 29 reestruturacións que están en marcha.

Segundo avanzou Gómez, a provincia de Lugo verase especialmente beneficiada por esta medida, xa que o investimento neste ámbito triplicarase o vindeiro ano, cun total que supera os 4,4 millóns de euros.

Por último, a conselleira destacou unha nova convocatoria de axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da denominación de orixe da Ribeira Sacra, dotada con máis de 1,5 millóns de euros.

Prevención de emerxencias

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, avanzou os orzamentos relacionados coa prevención de emerxencias e o reforzo dos seus equipos nunha xornada en Santiago sobre a saúde no deporte de alto nivel.

Por unha banda, a Xunta destinará 330.000 euros para colaborar cos municipios galegos máis pequenos nos custos de redacción dos seus plans de acción contra os incendios forestais.

Por outra banda, aposta pola dotación do equipamento necesario e lembrou que realizou un importante investimento de 27 millóns de euros nos últimos anos aos servizos de emerxencia municipais, malia seren unha competencia local.

Calvo tamén anticipou que as contas autonómicas recollen case 1,6 millóns de euros en investimentos para a adquisición de equipamento para a Axencia Galega de Emerxencias, entre os que destaca un posto de mando avanzado, seis furgóns e dous camións.

Sistemas de comunicación

No que respecta á mellora dos sistemas da comunicación, prevese destinar 1,6 millóns de euros de fondos europeos á compra de medios Tetra, co obxectivo de garantir a comunicación entre os servizos de emerxencias de xeito seguro, ante situacións críticas.

Tras a experiencia vivida co apagamento do mes de abril, ademais de reclamar ao Goberno central que reforce as comunicacións co 112 Galicia, a Xunta está a traballar na mellora dos sistemas de comunicación.

Investiranse 350.000 euros na compra de equipos electróxenos e 60.000 na dotación dun sistema que permita o acceso a Internet de banda ancha e de conexión por satélite cando a telefonía deixe de funcionar.

Investimentos en Ferrol

Previamente, Calvo anunciou en Ferrol o achegamento de 2,9 millóns de euros para o cofinanciamento da transformación integral das instalacións do recinto ferial de FIMO, un proxecto que busca converter o espazo nun complexo deportivo de primeiro nivel.

Residencia de maiores en Ribeira

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou este sábado que a Xunta licitará, ao amparo dos orzamentos autonómicos para 2026, o plan de construción dunha residencia de persoas maiores en Ribeira, que contará cunha asignación económica dun millón de euros nese exercicio.

Nunha visita á localidade xunto a María Sampedro (PP), alcaldesa desde o luns pasado tras unha moción de censura contra o rexedor anterior, Luís Pérez Barral (BNG), valorou o desbloqueo da iniciativa tras descartar o seu emprazamento na zona das Saíñas por cambios na normativa estatal vinculada.

A titular da carteira social dixo que a contratación terá luz verde tras a avaliación técnica das parcelas propostas polo Concello para alzar a nova infraestrutura.

García saudou a "colaboración da alcaldesa e do Concello na procura de solucións e avances nun proxecto que mellorará a calidade de vida das familias e os coidados das persoas maiores da localidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade