Primeiras valoracións da oposición dos orzamentos da Xunta para 2026
O BNG cualifica os orzamentos para 2026 como "insuficientes" e táchaos de "espellismo"
Besteiro acusa a Rueda de sacar peito cuns orzamentos que medran por debaixo do IPC e con falta de compromiso co gasto social
Este sábado os líderes dos partidos da oposición fixeron as primeiras valoracións dos orzamentos da Xunta para o ano 2026.
O primeiro que dixo o PSdeG sobre os orzamenos foi que "chegan sen documentación oficial nin entrega no Parlamento, polo que non estamos ante un proxecto real, senón ante unha serie de declaracións políticas".
Este sábado pola mañá falou o secretario xeral do PSdeG nas San Lucas de Mondoñedo. Alí recriminoulle ao PP a súa "lamentable falta de respecto ás institucións" ao volver adiantar o contido das contas antes de presentalas no Parlamento.
Besteiro acusa a Rueda de sacar peito cuns orzamentos que medran por debaixo do IPC e sen compromiso co gasto social
En declaracións á prensa, José Ramón Gómez Besteiro acusou a Rueda de sacar peito cuns orzamentos que medran por debaixo do IPC e do crecemento da economía e "que despois nunca executa", engadiu.
O secretario xeral do PSdeG criticou especialmente a falla de compromiso do Goberno autonómico co gasto social, “o que máis lle afecta á xente”.
Besteiro tamén se referiu ao ofrecemento da condonación da débeda que lle propuxo o Goberno do Estado a Galicia, e da negativa de Alfonso Rueda a aceptar a condonación. Dos orzamentos "xa podemos intuír por onde van os tiros", dixo o líder socialista, e explicou que van conter unha partida similar á do exercicio anterior para amortizar a débeda, arredor de 1700 millóns de euros: “Pero Rueda négase a que o Estado lle perdoe a Galicia 4.010 millóns. Simplemente, magnífico”, apostilou.
O BNG cualifica os orzamentos para 2026 como "insuficientes" e táchaos de "espellismo"
A deputada do BNG Noa Presas advertiu este sábado que o anuncio do PP sobre o aumento do gasto social establecido nos presupostos para 2026 é "un espellismo", porque "nin é suficiente nin é real".
Para a deputada do Bloque, trátase dun aumento insuficiente nun contexto de subida do IPC, xa que apenas sobe un 2%, mentres que a inflación creceu un 2,7% en 2024, e o dato galego máis recente é do 2,9%.
"Isto significa que temos orzamentos que, en realidade, están a recortarse", declarou.
A deputada do BNG indicou que o executivo de Rueda "fala dun aumento de 321 millóns de euros (3,1%) no gasto social, pero que en realidade infla a cifra ao incorporar políticas de emprego".
En relación aos servizos públicos esenciais —política social, sanidade e educación—, á espera de poder analizar a información en detalle, Presas predí que o aumento “nin sequera cobre a subida dos prezos”, será "un recorte efectivo nos servizos públicos".
Canto á atención primaria, Noa Presas di que os 1.747 millóns anunciados non compensan os case 2.000 millóns de recortes acumulados nin serven para que Galicia deixe de estar á cola do investimento no Estado"