Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda anuncia axudas de comedor para os nenos de primaria

Rueda anuncia axudas de comedor para os nenos de primaria

O presidente da Xunta avanzou que os orzamentos terán unha partida de tres millóns de euros destinados a reducir este gasto

Pontón pide o cesamento da conselleira de Política Social

directo EFE/Lavandeira jr
G24.gal 15/10/2025 08:43 Última actualización 15/10/2025 12:24

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou este mércores que os orzamentos autonómicos para 2026 incluirán unha partida de 3 millóns de euros para a posta en marcha dunha axuda de entre 100 e 150 euros para gastos de comedor en primaria en 2026.

Avanzouno durante a súa quenda de réplica á pregunta formulada pola líder do BNG, Ana Pontón, na sesión de control do Parlamento de Galicia.

 

Este programa contará cun orzamento de 3 millóns de euros para pagar un bono que variará en función da renda per cápita do fogar: no caso de ser inferior a seis mil euros, será de 150 euros, e entre 6.000 e 10.000, a axuda será de 100.

Rueda defende "rigor" sobre a residencia de Amoeiro pola que Pontón pide cesar a García

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu a actuación "con profesionalidade e rigor" na residencia de maiores de Amoeiro, pechada tras as irregularidades detectadas pola Inspección de Traballo, unha situación pola que a líder do BNG, Ana Pontón, pediu o cesamento da conselleira de Política Social, Fabiola García.

Na sesión de control ao Goberno no pleno do Parlamento, Pontón relatou "as condicións deplorables" nas que se atopou aos maiores desa residencia, onde había "anciáns desnutridos, sen bañarse" e nunha situación de "desatención sanitaria e persoal", polo que expuxo como é posible que unha inspección de Política Social non detectase nada "quince días antes" da de Traballo.

Así que acusou a Xunta de "mirar para outro lado" e preguntou a Rueda por que aínda non cesou a conselleira de Política Social "por permitir semellante infamia", á parte de estar a converter as residencias en "un perigo para as persoas maiores, tanto por acción como por omisión". 

Rueda asegurou que a Xunta fai máis dun milleiro de inspeccións ao ano nas residencias, e no caso concreto de Amoeiro houbo varias, así como "requirimentos de mellora e, como non os cumpriron, peche inmediato" polo que considera que se actuou con "contundencia, profesionalidade e rigor". Pero Pontón destacou que quen entrou a pechar a residencia foi a Garda Civil e que Inspección de Traballo alertou do "risco mortal" nas residencias onde a Xunta "aparca" a pacientes psiquiátricos sen persoal adecuado para a súa atención, polo que preguntou "cantos Amoeiros máis hai en Galicia esperando a saír á luz".

A portavoz nacional do BNG cualificou a actitude de Rueda cos maiores de "falta de respecto" e considerou que é evidente que hai "unha deterioración importante" no coidado destas persoas, polo que insistiu en que o presidente galego o primeiro que ten que facer é cesar a García, que está a demostrar "incompetencia política".

O presidente galego contestou á líder da oposición remitíndose á reunión do BNG con Bildu a pasada semana e poñendo en cuestión a "humanidade" dos nacionalistas galegos cando manteñen un encontro cun partido que "non condena" os atentados da ETA e "defenden un réxime ditatorial" como o de Nicolás Maduro en Venezuela, mentres chaman "fascista" á opositora e Nobel da Paz María Corina Machado. 

Insistiu en que a residencia de Amoeiro foi "pechada e inmediatamente recolocados todos os residentes en prazas públicas" e que foi a Garda Civil porque a forza pública é requirida sempre para facer un desaloxo, polo que defendeu a profesionalidade dos traballadores da Xunta, aos que Pontón "sempre critica", apostilou.

"Claro que nos preocupamos pola xente maior, tanto que en canto se decide en virtude das actas de inspección que hai que actuar, actúase", afirmou Rueda en referencia ao peche en Amoeiro, a principios de mes, e da residencia de Xinzo de Limia, máis recentemente, e "oxalá que non haxa que actuar noutros sitios", aínda que "o faremos sen ningunha dúbida".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade