O Congreso rexeita a proposta do BNG para reducir a xornada laboral a 35 horas semanais
Contou 178 votos en contra, os de PP, Vox, Junts e tamén o de UPN, e a abstención do PNV

O Congreso rexeitou tramitar a proposición de lei do BNG para reducir a xornada máxima laboral a 35 horas semanais cos votos en contra de PP, Vox e Junts, que xa avanzaran a súa negativa no debate.
"Hai que traballar menos para vivir mellor e para traballar todos", defendeu este martes o deputado de BNG Néstor Rego, que sinalou que a rebaixa a 37,5 horas semanais proposta polo Goberno, e que o Congreso xa rexeitou tramitar o pasado mes de setembro, parecíalles " insuficiente".
Con 178 votos en contra, os de PP, Vox, Junts e tamén o de UPN, a proposta do BNG para recortar a xornada laboral desde as 40 horas semanais vixentes tampouco conseguiu este martes os apoios necesarios para iniciar a súa tramitación.
"Queremos 35 horas", incidiu Rego, que defendeu que a tendencia actual nos distintos países europeos é a de reducir a xornada laboral máxima.
"Acurtar a xornada laboral a 35 horas é unha medida de xustiza social, que distribuiría o traballo remunerado dunha maneira máis homoxénea entre as persoas que non teñen traballo e as que acumulan demasiadas horas de traballo diario", reza o texto da proposición.
Esta medida, engade, posibilitaba "que a clase traballadora poida vivir de forma máis sostible e plena, reducindo o desemprego e permitindo unha maior conciliación".
PSOE, Sumar, EH Bildu e ERC avanzaran o seu apoio á proposta, mentres que PNV, que se abstivo, avogou por retomar as 37,5 horas "cun consenso máis amplo" e un "debate serio".
Fronte a isto, PP, Vox e Junts, que xa rexeitaron a tramitación do proxecto de lei para reducir a xornada a 37,5 horas, reiteraron a súa negativa.
"A nosa posición sobre a redución de xornada non cambiou, nin pola de 37,5 horas nin pola de 35 horas", deixou claro o deputado de Junts Josep María Cervera.
"Adoece dos mesmos defectos: falta de rigor e de seriedade", cuestionou a deputada do PP María Isabel Prieto, que reprochou que se traia por lei unha cuestión que considera compete á negociación colectiva entre empresas e sindicatos.
"España o que necesita é que a deixen traballar", resolveu o deputado de Vox Juan José Aizcorbe.