O PP gaña as eleccións en Castela e León con dous escanos máis
O PSOE sobe dous escanos e Vox, só un
Unidas Podemos e Sumar desaparecen das Cortes de Castela e León
O PP de Alfonso Mañueco volveu gañar as eleccións en Castela e León. Os populares acadan 33 escanos, dous procuradores máis ca nos comicios de hai catro anos.
O PSOE consegue 30 asentos no parlamento autonómico. Dous máis que en 2022.
En terceiro lugar queda Vox que pasa de 13 a 14 representantes.
Ségueo Unión del Pueblo Leonés, que con tres asentos mantén o mesmo resultado que nas últimas eleccións. Ao igual que o partido Por Ávila, de Pedro Pascual, que queda co escano que xa ten.
Tamén cun procurador continúa no parlamento autonómico Soria Ya. No seu caso perde dous representantes.
Análise dos resultados en clave nacional
Os comicios lense en clave nacional. Ferraz ve como o PSOE deixou de caer nestes comicios tras as desfeitas de Estremadura e Aragón.O partido resiste malia perder xa moitos escanos dende hai dúas lexislaturas
Malos foron os resultados dos seus socios parlamentarios: IU-Sumar e Podemos, desaparecen das Cortes de Castela e León.
En Génova reteñen o goberno de Castela e León e sitúanse en mellor posición negociadora e Abascal toca teito. Sobe, pero moi pouco.
Sánchez felicita a Mañueco e se enorgullece polo PSOE como "única alternativa"
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, felicitou este domingo ao presidente castellanoleonés, Alfonso Fernández Mañueco, pola súa vitoria, e recalcou o seu orgullo polo candidato socialista, Carlos Martínez, e polo seu partido como "única alternativa para o cambio en Castela e León".
"Demostraron que o noso partido é a única alternativa para o cambio en Castela e León. Seguiremos traballando polo futuro de todas e todos", sinalou Sánchez nunha mensaxe en X.
Enhorabuena a @alferma1 por su resultado en estas elecciones.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) March 15, 2026
Orgullo de @cmmsoria y del @PSOE_CyL que han demostrado que nuestro partido es la única alternativa para el cambio en Castilla y León.
Seguiremos trabajando por el futuro de todas y todos.
Feijóo cre que a vitoria de Mañueco ratifica o PP como "a única opción de xestión"
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, cualificou a vitoria de Alfonso Fernández Mañueco como "incontestable" e destacou que a vitoria en Castela e León mostra que os españois seguen ratificando ao PP como "a única opción de xestión".
Nunha mensaxe en X, Feijóo dixo que os resultados son claros e que "España ten alternativa".
Enhorabuena al presidente @alferma1 por su incontestable victoria. Hemos sido los más votados, los que más hemos crecido y triplicamos la distancia con el PSOE respecto a 2022.
— Alberto Núñez Feijóo (@NunezFeijoo) March 15, 2026
De las últimas once noches electorales, el @ppopular cosecha nueve victorias.
Los españoles nos…
Mañueco ofrece un "Goberno para todos" cos principios do PP e sen pactar co PSOE
O candidato do PP á reelección como presidente da Junta de Castilla y León, Alfonso Fernández Mañueco, ofreceu este domingo un "Goberno para todos" cos principios do PP, tras triplicar " a Vox", e cun rexeitamento explícito a pactar a gobernabilidade co PSOE.
Mañueco remitiuse a este luns para comezar o diálogo que cre que lle encargaron os cidadáns nas urnas.
Carlos Martínez non se conforma co resultado: "Hai partido de volta"
O candidato do PSOE á Presidencia da Junta de Castela e León, Carlos Martínez, deixou patente que non se conforma co resultado das eleccións, nas que subiu dous escanos, e apuntou a posibilidade dunha repetición electoral.
"Á lea, que hai partido de volta", dixo na súa comparecencia en referencia ao panorama que se abre tras as eleccións na comunidade.
Pollán asegura que Vox "vai influír de maneira determinante" en Castela e León
O candidato de Vox á Presidencia de Castela e León, Carlos Pollán, asegurou que o seu partido vai influír de maneira determinante nas políticas que se apliquen na comunidade a partir de agora e destacou que a súa formación rompeu o teito de votos nunhas eleccións.
En declaracións aos medios, Pollán engadiu que ao seu partido "non lle importan as cadeiras", senón "cambiar a cousas", e asegurou que nas negociacións que comezan a partir deste luns esixirán garantías e prazos estritos de cumprimento dos compromisos.