Publicador de contidos

Publicador de contidos

Transportes apraza a setembro a liberalización ferroviaria que afecta Galicia

Transportes apraza a setembro a liberalización ferroviaria que afecta Galicia

A competencia chegará ás liñas entre Madrid e Galicia, Madrid e Asturias e aos eixes cara a Cádiz e Huelva

G24.gal 03/06/2025 15:33

O secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, anunciou este martes que a segunda fase da liberalización ferroviaria -que afectará, entre outras rutas, a Galicia- sairá en setembro, co que se apraza uns meses respecto á previsión anterior, que a situaba na primavera.

Santano dixo que "como moi tarde" en setembro concluiría o traballo, unha vez recibidas as observacións dos axentes, para lanzar esta segunda fase e abrir á competencia as liñas entre Madrid, Galicia e Asturias e os eixes cara a Cádiz e Huelva, que ata o de agora ofrece en exclusiva Renfe.

Nunha xornada sobre a apertura do mercado do transporte ferroviario en Europa organizada pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), explicou que este modelo de oferta de capacidade marco para os oferentes é un sistema que dá "certezas".

Tamén defendeu que é necesario evitar retrocesos nos avances da liberalización, que ofreceu "logros moi notables" aínda que os tres operadores que compiten actualmente (Renfe, Ouigo e Iryo) presentan balances "que non son sostibles".

Entre os tres operadores acumulan perdas superiores aos 600 millóns de euros desde o inicio das operacións dos competidores de Renfe, na primavera de 2021. "Leváronse ao límite as costuras financeiras" con billetes a prezos "non sostibles", indicou Santano, que entende que o esforzo no uso de recursos públicos coa extensión e modernización da rede de alta velocidade "debe ir ligado a unha estrutura de custos "sostible" nas empresas.

O secretario de Estado avanzou tamén que cando se liberalicen as Obrigacións de Servizo Público (OSP) ferroviarias farase cun modelo semellante ao concesional dos autobuses de transporte de pasaxeiros. Así, a competencia non se producirá "no" mercado (con operadores prestando servizo á vez), senón "polo" mercado, de maneira que o oferente que gañe o concurso, por presentar mellores condicións, prestará o servizo en solitario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade