Publicador de contidos

Publicador de contidos

Putin asegura a Trump que haberá represalias contra Ucraína e que podería mediar con Irán

Putin asegura a Trump que haberá represalias contra Ucraína e que podería mediar con Irán

Ambos os líderes trataron tamén das negociacións nucleares entre os EUA e Teherán, e Putin ofreceuse como mediador para acelerar o acordo
 

O presidente ruso Vladimir Putin e o presidente estadounidense Donald Trump (Kevin Lamarque/Reuters) O presidente ruso Vladimir Putin e o presidente estadounidense Donald Trump (Kevin Lamarque/Reuters)
G24.gal 04/06/2025 23:29

O presidente ruso, Vladimir Putin, asegurou a Donald Trump, que responderá con represalias aos recentes ataques de Ucraína, durante unha chamada telefónica na que se abriu a porta a que Rusia medie nas negociacións nucleares entre Washington e Teherán.

Putin ameaza con represalias

Aínda que Trump cualificou o diálogo como "bo", admitiu que non representa un paso inmediato cara á paz, dado que Putin planea represalias contra Ucraína polo ataque con drons do domingo contra cinco aeródromos rusos.

"Foi unha boa conversación, pero non unha que conduza a unha paz inmediata. O presidente Putin afirmou, con moita firmeza, que terá que responder ao recente ataque aos aeródromos", escribiu Trump na rede social Truth Social.

Durante a chamada, Trump asegurou a Putin que o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, non lle informou previamente do ataque contra as bases de aviación estratéxica rusa.

"Trump confirmou novamente que os estadounidenses non foran informados de antemán", afirmou Yuri Ushakov, asesor do Kremlin para asuntos internacionais.

Ambos os mandatarios tamén conversaron sobre a segunda rolda de negociacións directas entre Moscova e Kiev, celebrada o pasado luns en Istambul, apenas un día despois do ataque. Aínda que non se logrou acordar a tregua de 30 días solicitada por Ucraína, ambas as partes pactaron un intercambio de prisioneiros.

Putin describiu as conversacións como "útiles", pero acusou a Ucraína de tentar sabotalas cos seus ataques, e puxo en dúbida a posibilidade de alcanzar unha tregua cun goberno ao que cualificou de "terrorista".

Posible mediador con Irán

Segundo Trump, Putin expresaría a súa predisposición para participar como mediador nas negociacións entre Estados Unidos e Irán.

"O presidente Putin suxeriu que participaría nas conversacións con Irán e que, talvez, podería ser de axuda para que isto concluíse rapidamente", escribiu o republicano.

Trump subliñou a urxencia de lograr un novo acordo nuclear, advertindo que "se esgota o tempo para que Irán tome unha decisión", e acusou a Teherán de demorar deliberadamente a súa postura.

Desde o Kremlin indicouse que Trump ve con bos ollos unha posible colaboración rusa neste ámbito e "expresou que estaría agradecido se Rusia puidese traballar adecuadamente coa parte iraniana".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade