Guerra total e pública entre Donald Trump e Elon Musk
Trump ameaza con cortar os contratos públicos con empresas de Musk tras a súa disputa
Elon Musk afirma que Trump figura nos arquivos de Jeffrey Epstein
Tesla cae un 14 % en bolsa tras tensarse a disputa entre Trump e Musk
O enfrontamento entre o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e o magnate Elon Musk subiu en intensidade nas últimas horas. Despois de que o multimillonario criticara a súa lei fiscal, Trump ameazou con rescindir os contratos coas súas empresas. En resposta, Musk acusou o mandatario de estar nos arquivos non publicados do pederasta Jeffrey Epstein.
Ata hai pouco eran inseparables. Aliados estratéxicos, a súa man dereita. Pero agora, a ruptura entre os dous homes máis poderosos do mundo xa é total. E a cousa promete ir a máis. Cada un na súa rede social, intercámbianse nas últimas horas ameazas e descualificacións.
Todo comezaba tras as críticas de Musk á lei fiscal e presupostaria de Trump. Dicía que era unha abominación repugnante. Durante a comparecencia co chanceler alemán no Despacho Oval, o presidente respondía sentirse decepcionado. E ameazaba con cancelar os contratos gobernamentais coas súas empresas. O multimillonario recordaba que el apoiara a campaña do republicano con 260 millóns de dólares e que grazas a iso gañou as eleccións. Asegurou que a política arancelaria da Casa Branca provocaría unha recesión. E decidía dar de baixa a nave Dragon, usada polos Estados Unidos para transportar material e persoas á Estación Espacial Internacional.
A partir de aí, o cruzamento de golpes xa foi imparable. Trump dicía que foi el quen decidiu que Musk marchara do Goberno, que se estaba desgastando, perdendo credibilidade e que, por iso, se volvera tolo.
Entón o magnate soltou a gran bomba. Asegurou que a razón pola que non se difundiran aínda os arquivos do pederasta Jefrrey Epstein é porque Trump sae neles. As consecuencias desta ruptura pública son imprevisibles. De momento, as accións de Tesla, propiedade de Elon Musk, caían onte un 14 % na bolsa de Nova York.