Renfe permite viaxar coa bici sen desmontar no Avant e crea o complemento Tren+Bici
A nova normativa dos Avant implementarase a partir do 15 de xullo en Galicia no traxecto entre Coruña e Ourense
Créase o novo complemento Tren+Bici en media distancia para asegurar unha praza xunto ao espazo de bicicletas de forma gratuíta

Renfe flexibilizou a súa normativa para facilitar o transporte das bicicletas nos seus trens. Entre as novidades, os trens Avant permitirán viaxar coas bicicletas sen desmontar e créase o complemento Tren+ Bici en media distancia para reservar unha praza gratuíta para viaxar no asento máis próximo á bici.
A nova normativa de acceso nos Avant empezará a implementarse en Galicia nos trens entre A Coruña, Santiago e Ourense, a partir do 15 de xullo e irase estendendo ao resto da rede.
A partir de entón, tampouco será obrigatorio o uso de funda para bicicletas encartables e poderase levar a bicicleta desmontada por vestíbulos e plataformas ata a porta do tren. E, ademais das novidades nos Avant, en calquera servizo que requira desmontar a bicicleta para subir ao tren flexibilízanse as condicións para que sexa máis sinxelo.
Así mesmo, créase un novo complemento Tren+Bici en trens de media distancia con reserva de praza, o cal asegura unha praza sentada xunto ao espazo habilitado para bicicletas de forma gratuíta, eliminando o suplemento de 3 euros para viaxes de máis de 100 quilómetros vixente ata o de agora.
Coincidindo co Día Mundial da Bicicleta, o director de Sustentabilidade do Grupo Renfe, Adrián Fernández Carrasco, presentou no taller de mantemento de Villaverde, Madrid, as novidades do Plan de Acción Tren+Bici 2024-2025, que busca “promover a intermodalidade entre bicicleta e ferrocarril”.
Para poñela en marcha máis facilmente, a nova normativa é “máis clara, máis explícita” para que tanto o usuario como o persoal de control dos trens coñezan as novas facilidades para viaxar en tren coa bicicleta.
Segundo explicou, Renfe é o único operador de alta velocidade que permite levar bicicletas desmontadas sen custo adicional, excepto en servizos Avlo que, por ser de baixo custo, si que cobran 10 euros por equipaxe adicional.
Ademais, segundo detallou, os trens actuais contan con dúas prazas para bicicletas e, aínda que a normativa é flexible e pódense introducir algunhas máis, os trens novos de proximidade que están en fabricación van admitir entre 6, 12 ou 18 prazas exclusivas para bicicleta.
Nova sinalización e sistemas de información
Como parte do plan, Renfe cambiou tamén a sinalización en trens e estacións, cun gran pictograma máis intuitivo nas portas de acceso para atopar máis facilmente os vagóns e espazos destinados a bicicletas e persoas con mobilidade reducida.
Este novo deseño xa está dispoñible nos trens Civia de proximidade e estenderase progresivamente en toda a frota de proximidades e media distancia.
Con respecto aos aparcadoiros videovixiados de bicicletas e patinetes nas estacións, Renfe rematou a primeira fase da instalación en 11 estacións de proximidades de Madrid. Estes aparcadoiros estenderanse nunha próxima etapa por máis estacións da capital e do resto de núcleos de España.
Paralelamente, Renfe está a reformar os seus sistemas de información para facilitar a intermodalidade grazas a un novo planificador de proximidades que vai permitir proximamente mostrar traxectos que combinan tren e bicicleta, con información dos estacionamentos dispoñibles nas estacións.