As estacións de tren comezan a recuperar a normalidade
A maiores dos habituais, Renfe habilitou para hoxe dous trens especiais con saída de Ourense
Máis de 50.000 viaxeiros víronse afectados pola suspensión de 101 trens nestes últimos 7 días
As estacións de tren coma a de Santiago comezan a recuperar a normalidade logo dunha semana en que os trens estaban moi afectados polos lumes. A xente comezaba a volver ás súas casas e a poñer reclamacións.
"Tiñamos pensado vir o día, 14 pero como non saíron os trens decidimos vir en coche dende Madrid, fas máis quilómetros pero ben. Non tivemos que trocar o de vir porque é causa de forza maior pero si que vou reclamar os de volta para Madrid", comenta un pasaxeiro.
Os que non contaban con coche propio tiveron que buscar outras alternativas: alugueiro de coches, autobuses..., todo estaba esgotado ata o venres como mínimo. Por sorte, cada vez mellora máis a situación.
"Dixéronnos de coller un bus dende Xixón a Madrid e iamos facer iso pero como ao final onte ao final si que podiamos vir ata aquí pois ben aquí estamos", apuntan unhas viaxeiras.
Tamén foi unha semana complicada para os traballadores de Renfe. Moitos, a pesar do estrés do traballo e da situación, seguiron realizando o seu traballo da mellor maneira posible.
"Por momentos víuselles un pouco superados, realmente logo si que se portaron ben, fixéronos os cambios de billetes a tempo e en principio todo o que parece achacable a Renfe, foi ben", comentaba un pasaxeiro.
Hoxe a felicidade notábase nas caras dos pasaxeiros, pois moitos vían a luz na fin do túnel. Algúns estaban na límite, xa que non podían estirar máis as vacacións.
"O último día era hoxe para marchar e xa pensaba que nada que tiña que quedar máis tempo", dixo unha muller.
Aínda así, a normalidade non se recuperou ao cen por cento. Algúns viaxantes tiveron que aumentar a súa estancia ata recibir novas sobre os trens, e aínda son moitos que non tiveron novas.
"Levo dous días agardando a que me dean dunha vez por todas tren, é o que hai", afirmou un home.