Publicador de contidos

Publicador de contidos

O autobús gaña peso tras deixar de ser directo o tren entre Vigo e O Porto

O autobús gaña peso tras deixar de ser directo o tren entre Vigo e O Porto

Os convois paran en Viana de Castelo e os viaxeiros deben pasar a outros vagóns

Os vehículos chegaron ao final da súa vida útil e non poden facer demasiados quilómetros

Portugal mercou trens novos pero o fabricante atrasou a entrega a 2026

 

 

G24.gal 20/08/2025 15:05

O tren que atravesa a beira do Miño agora só chega a medio camiño. Dende esta semana, a liña de ferrocarril entre Galicia e Portugal suma un novo atranco. Xa non se realizan viaxes directas entre Vigo e Porto senón que os convois paran en Viana do Castelo e os pasaxeiros teñen que cambiar de vagóns, baixando e subindo dende a plataforma. É unha cuestión de idade e de seguridade. O material que cobre a liña do chamado Tren Celta foi fabricado nada menos ca en 1984 e está no límite da súa vida útil. Estes trens xa non poden facer demasiados quilómetros e a solución que tomaron Renfe e Comboios de Portugal foi repartir a viaxe en dous: un tren conecta Vigo e Viana e outro, Viana e Porto. 

"Non é moi agradable e menos se non che avisaron. Nós sacamos o billete hai catro días e atopámonos con isto agora", quéixase unha muller que acaba de chegar á estación de Vigo.

"É moi simple. É bastante cómodo porque che colocan o outro tren na vía do lado", opinan en cambio outras viaxeiras.

Comboios de Portugal mercou novos trens que quería estrear na liña de Galicia este mesmo ano. A previsión era telos en outubro pero o fabricante, agora, atrasa a entrega a 2026. Así que, de momento, seguirá en marcha a fórmula do transbordo.

E mentres o tren perde folgos, gaña peso o autobús. Na estación de Vigo xa hai catro empresas que fan rutas con Portugal. Algunha mesmo arrinca na Coruña e recolle xente tamén en Santiago. Cada día, como mínimo, hai 16 viaxes dende Vigo ao norte do país veciño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade